Xornadas de tecnificación nun Arxil que despide a tempada dos seus equipos

Pontevedra
24 de xuño 2021

O club pontevedrés cambiou o formato do seu habitual peche de curso unha vez finalizada a actividade de todos os seus equipos. O campus de perfeccionamento toma a testemuña mantendo a actividade ata o próximo 30 de xuño

Peche de tempada do Arxil Club Baloncesto Arxil

A situación sanitaria, aínda que moito mellor que en datas recentes, non permitiu ao Club Baloncesto Arxil despedir a tempada dos seus equipos como lle tería gustado.

O club pontevedrés, concluída a actividade en todas as categorías, quixo pechar o curso co seu tradicional acto de despedida, aínda que sen xuntar a todas as xogadoras do club para evitar aglomeracións innecesarias.

Tras esta despedida o campus de tecnificación iniciado esta semana toma a testemuña para prolongar a actividade  arxilista ata o 30 de xuño.

Medio cento de xogadoras do club comezaron o mércores as sesións do campus nas instalacións do pavillón universitario e nas pistas exteriores do colexio Vidal Portela.

Nestas xornadas as deportistas traballarán en aspectos relacionados coa técnica individual e preparación física baixo a dirección de Moncho Soage e coa colaboración de adestradores doutros clubs como Diego Gómez (adestrador do Peixe Galego con experiencia en LEB Ouro) e Álex Hermelo (CAB Pontevedra) e de xogadoras como Margarita Moreira.