Xosé Luís Bouzas 'O Rubio' dará nome ao pavillón de Carballedo

Cerdedo Cotobade
11 de febreiro 2025

O pleno municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG para bautizar ao pavillón de Carballedo co nome de Xosé Luís Bouzas Ambroa 'O Rubio'

Xosé Luís Bouzas Ambroa 'O Rubio'
Xosé Luís Bouzas Ambroa 'O Rubio' / BNG

O pavillón de deportes de Caballedo pasará a denominarse Xosé Luís Bouzas Ambroa 'O Rubio'.

Así o aprobou o pleno municipal de Cerdedo-Cotobade, apoiando por unanimidade unha proposta presentada polo BNG da localidade.

Recoñécese así o legado dun veciño que traballou polo deporte local e especialmente polo deporte feminino.

O Rubio tivo un papel decisivo na década dos 90 na posta en marcha do primeiro club de fútbol sala feminino da localidade, o Deportivo Loureiro FS.

Ademais formou parte da fundación do 'Forno de barro', que despois pasou a chamarse Tenorio Fútbol-Sala Feminino.

"É digno merecedor de ser lembrado como un referente veciñal que traballou arreo polo desenvolvemento social e deportivo de Cerdedo-Cotobade", explicou na súa moción o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira.

A moción aprobada polo pleno da corporación inclúe tamén a organización dunhas xornadas divulgativas sobre o traballo e legado que O Rubio deixou no deporte de Cerdedo-Cotobade.