O Mat's de Marín contará con dobre representación no Campionato de Europa Sub-21 de taekwondo e o Europeo Júnior de Pesos Olímpicos.
Yadira Reimúndez e Sergio Troitiño lograron o seu billete ao Europeo tras brillar a fin de semana nos os Multi European Games celebrados na localidade búlgara de Sofía.
A primeira delas, Yadira, logrou a medalla de ouro na categoría de -55 quilos tras vencer en cinco axustados combates. En primeira rolda enfrontouse á grega Oraia Lallou Paraskevi, vencendo no punto de ouro.
A continuación venceu con solvencia á turca Sude Demiralp (15-1) e en cuartos á croata Rea Kozlica (6-4). Na semifinal a súa rival foi a croata Petra Savija (3-0), mentres que na gran final superou á francesa Julie Nguyen, campioa de Europa cadete en 2020, tendo que chegar como en primeira rolda ao punto de ouro.
En canto a Troitiño, tamén subiu todo o máis alto do oio no peso de +78 quilos, no seu caso superando catro enfrontamentos. En primeira rolda enfrontouse ao italiano Antonio Gerrone (17-12), e despois ao checo Jiri Stastny (19-8). O do Mat's superou a semifinal con contundencia fronte ao polaco Wiktor Pajdzik (20-6) e tamén foi superior na final ao serbio Mitar Maklenovic (13-4) logrando certificar o seu triunfo.