"O equipo nos anteriores desprazamentos viña facendo as cousas ben pero non eramos capaces de conseguir os tres puntos". Ese é o resumo do que vai de tempada para o Pontevedra Club de Fútbol, que por fin rompeu a maldición fóra de casa para facerse coa vitoria.
Para o adestrador Yago Iglesias, os seus xogadores fixeron "un partido moi completo", sabendo que facer en cada momento e así superar o Coruxo "cun rigor defensivo e un nivel altísimo".
E é que o conxunto granate "cada semana manexa máis rexistros", estando cómodo incluso defendendo para saber transitar e anotar. "O cómputo total é para estar contento", asegura o técnico.
Agora toca gozar da vitoria e, a partir desta noite, pensar no próximo partido contra o Zamora, "un equipo que vai estar pelexando por todo, con bos xogadores e moi agresivo e competitivo na súa casa".
Por iso o Pontevedra poñerase "a traballar desde mañá e preparar ben o que queremos facer", porque a do Coruxo "é a primeira de moitas vitorias fóra de casa".