Non adoita ser un home Yago Iglesias ao que lle guste mirar máis aló do próximo partido de liga, neste caso o que medirá o Pontevedra Club de Fútbol o sábado 30 (16.30 horas) a domicilio á Arandina CF, pero o adestrador granate fixo unha excepción para dirixirse á afección ante un tramo final de liga emocionante e que pode decidir o ascenso.
"Creo que a xente nos pode axudar moitísimo, tanto en Pasarón como fóra, e o equipo meréceo", sinalou o preparador ante un calendario que tras o viaxar a Aranda de Duero non depara ningún desprazamento máis fóra de Galicia, con visitas soamente ao Compostela e ao RC Fabril ademais dos encontros na casa fronte a Covadonga, Ourense CF e Racing Villabés.
"Esperamos que a Marea Granate se mova connosco", desexa Yago.
Pero antes de chegar a iso o conxunto granate debe liquidar un encontro dos que se poden considerar como 'trampa', xa que se medirá a unha Arandina que é pechacancelas e case sen opcións xa de permanencia. A pesar diso "é moi difícil gañar en Aranda. Ourense e Zamora non puideron pasar do empate", avisa o técnico.
"Nesta categoría é moi complicado sacar os puntos", asegura Iglesias, polo que "temos clarísimo que temos que ir cúper concentrados".
Ademais, analiza, a Arandina é un rival "que manexa moitos rexistros", ao que se suma que "nos esperan temperaturas baixas, nunha rexión na que adoita nevar, polo que a ver que nos espera", finalizou o adestrador do Pontevedra sobre unha xornada na que tentarán defender o liderado en solitario.