Contrariado. Así compareceu este sábado Yago Iglesias en rolda de prensa tras o empate do Pontevedra no campo da Arandina.
"A valoración é mala, é negativa. Marchamos coa sensación de perder dous puntos no desconto do mesmo xeito que fai quince días", recoñeceu o preparador.
"Este partido cando tes os tres puntos e escapar doe e quedas co mel nos beizos, pero saímos de aquí líderes", defendeu Iglesias.
O técnico defendeu que o seu equipo fixo "unha primeira parte boa eu creo, que nos poñemos por diante", pero analizando que tras o descanso "o partido converteuse nun correcalles. Os equipos cando van por detrás no marcador o que fan é romper, fraccionarse, e a Arandina deixounos catro xogadores soltos como se debe facer cando se vai por detrás no marcador, sen importarlles se metiamos o segundo. É xogarlla e tentar con eses xogadores descolgados ter unha e empatar o partido, así foi, e iso son situacións difíciles de contrarrestar".
En todo caso Yago lembrou que "sabiamos da dificultade do desprazamento, a dificultade deste campo, avisabámolo na previa, nin Ourense, nin Zamora, nin Langreo conseguiran gañar aquí. O que a clasificación diga non fai referencia ao que os equipos son, a Arandina en canto a xogadores e cando ves o que xeran e fan non é para nada o peor equipo da categoría".
Ademais Yago, sen poñelo como escusa, sinalou cara ao estado dun terreo de xogo que "tampouco nos beneficiou, moi seco, herba alta, a pelota circulaba moi lenta... Ao final son condicionantes que fai que sexa moi complicado xogar aquí".
Un pau para o adestrador granate pero que non quita que "seguimos líderes e seguimos dependendo de nós", reivindicou.