Yago Iglesias: "É o momento no que o equipo máis que nunca vai necesitar do colectivo"

Pontevedra
12 de xaneiro 2024

O adestrador do Pontevedra asegura que "temos que mirarnos no espello da primeira volta" de fronte ao encontro fronte a unha Gimnástica de Torrelavega que foi capaz de vencer en Pasarón e que pese ao mal momento que atravesa "segue sendo o equipo que sorprendeu aquí", polo que defende "para min é unha saída complicadísima"

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón
Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón / Cristina Saiz

Primeiro partido da segunda volta de liga o que afrontará este domingo 14 de xaneiro (17.00 horas) o Pontevedra Club de Fútbol no campo da Gimnástica de Torrelavega, equipo que venceu na primeira xornada do campionato no Estadio Municipal de Pasarón.

"Segue a ser o equipo que sorprendeu aquí", asegura o adestrador granate, Yago Iglesias, avisando que a pesar do seu mal momento e atoparse en postos de descenso "para min é unha saída complicadísima".

"Temos que vernos no espello da primeira volta, e é un partido que perdemos. O obxectivo é mellorar os números desa primeira volta", asegura o técnico do equipo pontevedrés.

Para iso, ante a chegada das baixas por sanción como as que terá esta fin de semana con Churre e Chiqui, "é o momento no que o equipo máis que nunca vai necesitar do colectivo", afirma en relación ás oportunidades que se abren a xogadores menos habituais para entrar no once.

En canto ao rival, que cambiou de adestrador en Nadal e que a última xornada contou con varias ausencias, as referencias son poucas para Yago Iglesias, polo que "esta semana sobre todo centrámonos en nós mesmos".

A Gimnástica, que nas últimas horas confirmou o seu primeiro reforzo coa contratación do centrocampista Chus Ruiz, afrontará pola súa banda o duelo co Pontevedra coas baixas por sanción de Unai, Álex Basurto e Josemi.

Este aspecto, a evolución dun mercado de fichaxes na que os rivais dos granates están a empezarse a mover, tamén foi valorado na súa comparecencia este venres por Yago Iglesias, insistindo en que no club de Pasarón "temos fichas sub-23 libres e estase a valorar esa opción", pero sempre "se atopamos algo que veña a axudar ou a mellorar. Antes de asinar calquera cousa é mellor quedar parado".