Xa anticipara Yago Iglesias na previa do partido ante o Rayo Cantabria que era un equipo moi serio o que viña a Pasarón este domingo e así o demostrou sobre o verde. Foi "outro filial de bloque baixo con xogadores novos" que "fixo moitas cousas ben", entre elas "contrarrestar o que o Pontevedra fixo".
E é que a medida que van pasando as xornadas os equipos vanse coñecendo mellor e, se fas as cousas ben como o equipo granate, "fai que te analicen máis". Os adestradores "imos tomando apuntamentos do que nos van facendo, imos coñecendo todos. O Pontevedra chama a atención polo que está a facer, está no foco, pero o que o equipo fai no campo é o que realmente importa", admite Iglesias.
Para o adestrador granate "foi un dos mellores partidos disputados no que vai de competición, pero faltounos o máis importante, meter a pelota", recoñece. Con todo, a medida que foron pasando os minutos o Rayo Cantabria levou o encontro ao seu terreo e facer o seu plan partido, "que era chegar con vida, facer o cambio dos dianteiros e dar a última estocada".
Pero pese ao resultado, polo que se van "doídos e amolados", Yago Iglesias defende que "o que fixo o equipo é de moito mérito e de analizar de forma moi positiva", por iso vaise "tranquilo polo que o equipo xera aínda que me gustaría conseguir os tres puntos".
Con este resultado, o Pontevedra desaproveitou a oportunidade de achegarse un pouquiño máis ao Zamora, que tamén empatou esta xornada contra o Villalbés. Con todo, o técnico pontevedrés recoñece que "temos que centrarnos en nós e o que realmente me doe é non gañar porque fixemos todo o posible para facelo", pero "estamos na xornada 10 e aínda que sería un pasiño importante achegarnos, estamos onde queremos estar".