Yago Iglesias resta dramatismo ao Pontevedra-Zamora: "Despois disto quedan 10 partidos, 30 puntos, non é definitivo"

Pontevedra
23 de febreiro 2024

Aínda que recoñece a importancia do encontro do próximo domingo (17.00 horas) en Pasarón, onde se medirán primeiro e terceiro clasificado, o técnico granate asegura que o encaran como un duelo máis. Yago poderá contar con todo o plantel para o choque

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Compostela en Pasarón Cristina Saiz

O vindeiro domingo 25 de febreiro (17.00 horas) mediranse no Estadio Municipal de Pasarón o primeiro e terceiro clasificado do Grupo I da Segunda RFEF, Pontevedra Club de Fútbol e Zamora CF. Dous rivais directos polo ascenso ao que separan só tres puntos na táboa, pero a pesar diso desde a entidade granate o seu adestrador, Yago Iglesias, asegura que queren tratar o duelo como un partido máis.

"Despois disto quedan dez partidos, 30 puntos, non é definitivo. 30 puntos son moitos, aínda hai moitos rivais por diante", defendeu este venres o técnico granate en rolda de prensa quitando un pouco de dramatismo e presión ao duelo.

Yago, a teor do explicado ante os medios de comunicación, apostará pola continuidade sen grandes cambios no equipo (máis aló do probable regreso de Rufo ou mesmo de Bastos ao once), porque "non considero que neste tipo de partidos haxa que cambiar moito".

Todo iso mirándose no espello da ida no Ruta de la Plata (0-4) aínda que sabendo "o potencial que ten o Zamora e o equipo que ten", sobre todo tras asinar varios reforzos invernais.

De feito, destacou o adestrador do Pontevedra, o seu próximo rival vén de empatar contra o outro aspirante ao ascenso, o Ourense, e de "remontar en dous partidos", o que demostra a súa competitividade.

Yago Iglesias confía en todo caso no seu equipo, e é que con todo o plantel á súa disposición "nós chegamos nunha boa dinámica".

O que non cre que afecte o que ademais é ex-extrenador do Zamora, é a situación extradeportiva vivida esta semana no club castelán-leonés coa detención do seu presidente. "Non creo que sexa un hándicap, se cabe unha motivación extra", asegurou afirmando que "ao final o futbolista chega o domingo e o que quere é competir".