"Son tres puntos moi importantes". Así comezou Yago Iglesias a rolda de prensa de despois da vitoria ante o Real Avilés deste domingo en Pasarón.
"Creo que a maneira na que gañamos volve convencernos", si é verdade que "na primeira parte non estivemos acertados no último terzo de campo" pola formulación do conxunto asturiano, que xogou "con xente moi cerquita, practicamente convidábanos a saír por fóra e a partir de aí apertábanos. O equipo estivo ben, pero cando estabamos a altura de banco non estivemos acertados", recoñeceu o técnico.
En cambio, a segunda parte foi outro cantar. "Axustamos e atopamos os camiños", sobre todo despois da segunda amarela, cando o partido "pónsenos moito máis de fronte e temos máis o control do balón e do xogo".
En canto á derrota do Ourense, Iglesias dixo que os seus xogadores non coñecían o resultado no descanso porque "temos que centrarnos no noso e se ao acabar a xornada o resto de partidos benefícianos, benvido sexa. Doulle moita importancia a esta vitoria, todas son importantes, pero polo momento da tempada na que estamos, doulle moito mérito ao meu equipo". Tamén polo resultado de manter a portería a cero, porque "levabamos tempo sen ter a portería a cero e hoxe outra vez volvemos ver a un Pontevedra que quere a pelota, que quere xerar e controla o xogo".
Agora, o cadro lerezano ten un novo reto ante o Rayo Cantabria, contra o que deberá volver sumar de tres para non perder o liderado. Neste sentido, o adestrador granate explicou que "non ten sentido que hoxe fagamos o partido que fixemos se a semana que vén en Cantabria non imos coa cabeza posta".