Yago Iglesias, tras o empate co Arenteiro: "O que vimos no campo empézase parecer ao que queremos que sexa o Pontevedra"

Pontevedra
10 de agosto 2023

Ao adestrador do Pontevedra empézalle a gustar o que ve dos seus xogadores sobre o terreo de xogo, e é que o empate fronte ao Arenteiro, especialmente tras unha segunda parte de dominio na que dispuxo un once con só xogadores do primeiro equipo, deixoulle con bo sabor de boca tras verse "un equipo dominador, que busca a portería rival e sobre todo vertical"

Yago Iglesias, nun adestramento do Pontevedra Pontevedra CF SAD

Ao adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, empézalle a gustar o que ve dos seus xogadores sobre o terreo de xogo.

Así o recoñeceu tras o cuarto partido de preparación, o disputado este mércores fronte a un Arenteiro de superior categoría e ao que se puxo contra as cordas nunha segunda metade na que o técnico dispuxo dun once integramente formado por futbolistas do primeiro plantel.

"O que vimos no campo empézase parecer un pouco, sobre todo na segunda parte, ao que queremos que sexa o Pontevedra, un equipo dominador, que busca a portería rival e sobre todo vertical", explicou Iglesias.

"A estas alturas estamos en construción, os adestradores queremos que o equipo faga o que adestramos e estao facendo", afirmou o preparador granate.

Tampouco lle preocupan as ocasións xeradas e non materializadas en gol, porque "no momento no que todo se axuste, empecemos a xogar 90 minutos e os xogadores se atopen fisicamente mellor seremos moito máis eficaces. O importante agora é que o equipo xere e está a xerar moitas ocasións", concluíu o adestrador do equipo pontevevedrés.