O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, mostrouse satisfeito co rendemento do seu equipo a dúas semanas do inicio da liga, tras o triunfo en Trofeo Luis Otero fronte ao CD Lugo.
"As sensacións foron moi boas, a verdade é que o partido estivo ao nivel que esperabamos. Estamos contentos sobre todo coa imaxe do equipo, que tanto os que continúan, como os novos e os mozos da canteira están a entender moi ben o que queremos e iso transmítese no campo", afirmou o técnico.
Especialmente importante para o preparador granate foi o non encaixar gol e recibir pouco perigo dun equipo de superior categoría, e é que "o que queremos este ano é dar un paso adiante niso, ser un equipo máis agresivo, que sexa capaz de estar 90 minuto apertando en campo contario e o maior tempo posible lonxe da nosa portería, e así foi o partido", explicou Yago.
"O equipo progresa adecuadamete, creo que o equipo teñen unha identidade marcada do ano pasado e os novos están a adaptarse á perfección", reiterou.
Por último o adestrador granate, a preguntas dos xornalistas, referiuse ás fichaxes que, a priori, aínda debe realizar o Pontevedra para completar o plantel, xa que "a realidade é que hai algún posto a que non temos dobrado, que só temos un xogador. Quedando tempo para que empece a competición e tendo fichas sub 23 sempre estamos abertos ao que poida aparecer", recoñeceu Yago Iglesias.