Yago Iglesias, tras vencer o Compostela: "Sen dúbida a expulsión de Pato é clave"

Pontevedra
03 de decembro 2023

"Gustaríame ter metido algún gol máis porque me parece que o partido estaba para iso" afirmou en rolda de prensa o adestrador do Pontevedra satisfeito do rendemento do seu equipo e por aproveitar a vitoria "para achegarnos aos principais rivais"  

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Compostela en Pasarón Cristina Saiz

O triunfo fronte á SD Compostela deixou satisfeito o adestrador do Pontevedra, Yago Iglesias, e é que "para min é o mellor equipo que nos enfrontamos", afirmou o preparador granate en rolda de prensa.

Con todo "gustaríame ter metido algún gol mais porque me parece que o partido estaba para iso", afirmou pensando no average aínda que contento por aproveitar a vitoria "para achegarnos aos principais rivais".

En canto ao partido "creo hai unha xogada que cambia o partido que é a expulsión de Pato, non sei por que se chega aí pero o que pita é o árbitro. Sen dúbida a expulsión de Pato é clave porque quedan cun home menos e metemos o 2-0", recoñece.

Antes diso "a primeira parte estivo moi igualada ata que Pablo Antas tivo esa lesión, viñeron un pouco a tentar cortocircuitarnos o centro do campo emparellándonos, cambiando o sistema", analiza explicando ademais a decisión de iniciar xogada atrás cunha liña de catro e cambialo ao descanso. "A primeira xogada que acaba en penalti vese perfectamente o que cambiamos no descanso, que pasamos de iniciar de catro a facelo de tres, nesa xogada circulamos, chega o balón a Bastos e é o penalti", explica Yago.

"Para nós hoxe era fundamental que o Compostela non correse, fundamental", afirmou o técnico granate contento polo nivel mostrado polo seu equipo no tempo xogado once contra once, porque "que o Compos che faga tan poucas ocasións é moi bo, iso fala da concentración e do nivel do equipo no día de hoxe".

MÍCHEL ALONSO QUÉIXASE DOS PENALTIS

Pola súa banda para o adestrador do Compostela, Míchel Alonso, era imposible non entrar a valorar ante os xornalistas a xogadas clave, cos penaltis e expulsións que deixaron os santiagueses sen capacidade de reacción.

"Marcaría dous partes diferentes, penso que no primeiro tempo tiñamos o partido segundo o que tiñamos plantexado, e no segundo en 10 minutos fóisenos o partido en dúas accións discutibles. A primeira téñoa que ver repetida pero no campo non me parece penalti, o balón xa estaba fóra da acción dos dous xogadores, e logo a de Pato primeiro non é agresión, apártao, e hai falta de Churre antes que non pitou. Condiciona totalmente o partido", sinalou o preparador visitante.