Yago Iglesias, tras o triunfo ante o Escobedo: "O resultado queda curto"

Pontevedra
23 de febreiro 2025

O conxunto granate monopolizou as accións de perigo, pero só Garay e Álex foron capaces de burlar a muralla rival. Para Iglesias, o duelo deixou "boas sensacións" e un "resultado curto"

Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra CF e Escobedo en Pasarón
Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra CF e Escobedo en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol recuperou este domingo, ademais do liderado, as "boas sensacións" de ser un equipo dominador, que defende con balón e xera ocasións.

Para o técnico granate, Yago Iglesias, "o partido foi por onde esperabamos. Na primeira parte non pasaron de medio campo e na segunda só teñen unha". En cambio, para os locais, "o resultado queda curto. Creo que o terreo de xogo foi un condicionante en contra nosa porque de estar medianamente ben, o resultado sería moito máis avultado", sinalou.

Neste sentido, Iglesias falou da confianza a nivel individual, sobre todo dos xogadores de ataque que tiveron varias ocasións que non lograron materializar. "É unha pena", lamentou, "hai momentos nos que ata os propios xogadores frústranse".

É por iso que o adestrador prefire quedar co "cómputo xeral" e o "nivel altísimo" ao que renderon xa que "é o que nos serve para continuar".

En relación á maneira de defender do Escobedo, Yago Iglesias indicou que a estas alturas os rivais van cambiando o seu estilo e o Pontevedra está a atoparse "con moitas defensas poboadas. Hai moitos equipos que se atrincheiran ao bordo da área, por iso cada semana tentamos traballar algunha variante máis para sorprender e xerar".

Á fin e ao cabo "os rivais tamén nos estudan" e o tiro desde longa distancia foi un recurso neste partido co que os granates puideron facer gol e burlaron a zaga dos cántabros. Ademais, "xeramos perigo nos córners, é un dato positivo e queremos crecer tamén niso", subliñou.

Por último, en relación aos cambios e a entrada de Álex González na segunda metade, o adestrador indicou que "os partidos tamén se gañan desde o banco. Na primeira parte tocounos atacar cara ao medio campo bo e na segunda pedíanos forza, o que é Álex. Dá moitísimo e hai que chegar a un punto intermedio entre o plan de partido e o estado de forma dos xogadores", finalizou.