Duro exame o que deberá afrontar o Pontevedra Club de Fútbol o vindeiro domingo 23 de febreiro (17.00 horas) en Pasarón contra a Unión Montañesa Escobedo.
Os granates farían mal en fixarse soamente na clasificación para valorar o seu próximo rival, ao que venceron cun sólido 0-2 na primeira volta do campionato, e é que desde aquel partido o Escobedo foi evolucionando até converterse nun dos equipos máis rochosos da competición.
Os cántabros son, de feito, o segundo mellor equipo da segunda volta, e non perden en liga desde que o fixesen o 7 de decembro no Vao contra o Coruxo.
Desde entón suman xa oito xornadas seguidos sen caer derrotados (4 vitorias e 4 empates), e o que é máis rechamante, no sete últimas xornadas non encaixaron nin un só tanto.
O último gol recibido conseguiuno o Bergantiños en metade dun encontro que finalizou con empate (1-1), e son xa 666 os minutos (máis descontos) que logrou permanecer imbatido.
Neste período só Bergantiños, Laredo, Valladolid Promesas e Compostela conseguíronlle arrincar un punto, mentres que superaron a Llanera, Salamanca e Gimnástica Torrelavega fóra da casa e ao Ávila actuando como locais.
Este rendemento fíxolle pasar de estar a oito puntos da salvación tras a xornada 15 de liga a ocupar actualmente o undécimo posto con 2 puntos de marxe sobre o descenso.
Ademais, son o segundo equipo que máis puntos sumou esta tempada como visitante (19) só superado polo Pontevedra (22) e empatado cun Numancia que, iso si, xogou dous encontros menos fóra da casa.
Uns números que supoñen todo un aviso a navegantes, e é que o Pontevedra deberá render ao seu mellor nivel para lograr o tres puntos en xogo, unha vitoria que necesita para seguir apertando o Numancia na pelexa polo primeiro posto.