Yuria Suto, de Xapón a adestrarse co Poio Pescamar

Poio
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A gardameta internacional xaponesa incorporouse esta semana aos adestramentos do Poio Pescamar, tras o acordo alcanzado entre a entidade conserveira e a federación de fútbol do país nipón

Yuria Suto, no seu primeiro adestramento co Poio Pescamar
Yuria Suto, no seu primeiro adestramento co Poio Pescamar / Poio Pescamar FS

O Poio Pescamar conta desde esta semana cunha nova xogadora nos seus adestramentos.

Trátase da gardameta internacional xaponesa Yuria Suto, que adestrará durante uns días coa entidade conserveira grazas ao convenio pechado entre o Poio e a federación de fútbol do país nipón.

Non se trata dunha futbolista menor, e é que Suto é parte da selección de Xapón que vén de vencer a España no torneo internacional celebrado en Portugal, e no que tamén participaron as vermellas Laura Uña e Ale de Paz.

"Agardamos que pase a mellor estancia posible en Poio e poidamos aprender mutuamente", sinalou o Poio Pescamar.

Na Seca Yuria Suto reecontrouse co seu compatriota Saki, futbolista que leva toda a tempada defendendo as cores do equipo conserveiro.

A gardameta é xa unha máis dentro dun plantel que prepara o regreso á competición este sábado 23 de marzo na Primeira División, tras o parón internacional, coa visita do Roldán.