O Team Thunder segue ampliando o seu palmarés deportivo e xa mira cara a retos ambiciosos como o Campionato de España Elite de Boxeo.
Antes diso, Zaira Corchero conquistou en Ferrol a pasada fin de semana o título de campioa galega elite no peso mosca.
A púxil vasca afincada en Marín venceu a María Vilas, do Stadium de Arteixo, por KO no segundo asalto. O combate foi un monólogo de Corchero, que saíu a por todas propinando dúas contas de protección e conseguindo pechar a contenda antes de tempo cunha gran superioridade.
Zaira únese así a Aarón González na representación do Team Thunder no Campionato de España que se disputará o próximo mes de xullo en Badaxoz.
O obxectivo de ambos os dous, avanzan desde o club marinense, será tentar loitar polos postos de podio.