A esperada sentenza do Tribunal Supremo sobre a continuidade de ENCE en Lourizán facíase pública o 7 de febreiro, data determinante neste 2023.
A resolución xudicial expón que a fábrica pasteira pode seguir ocupando os terreos de dominio público marítimo-terrestre ata o ano 2073. Desta forma, o Supremo revogaba as sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga da concesión que o Goberno de Mariano Rajoy outorgou en 2016.
O alto tribunal baseouse en que existían informes ambientais favorables que avalaban a continuidade da actividade industrial de ENCE na ría de Pontevedra. A sentenza non foi unánime xa que se rexistrou un voto particular dunha maxistrada no que se advirte do "dano irreversible" ao litoral.
En todo caso, a decisión foi recibida despois de anos de tensión cunha alegría desbordante polo persoal da factoría na que non faltaron "sorrisos, bágoas e prantos".
Tamén Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, celebraba a resolución do Supremo manifestando que con ela gañaba "a sensatez e a legalidade".
Fronte a estes posicionamentos, as partes contrarias á permanencia da pasteira nos terreos, manifestábanse sorprendidas.
#Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, explicaba que a sentenza, grazas ao voto particular, abría outras opcións de recurso. Desta forma, mantiña a idea de que o goberno local do Concello de Pontevedra continuaría a loita para anular a prórroga.
Pola súa banda, o colectivo ecoloxista Greenpeace mostraba a súa discrepancia co Supremo ao entender que a decisión "non protexe a esencia do dominio público marítimo terrestre e a excepcionalidade da súa ocupación".
A dirección de ENCE celebraba que se resolvera a incerteza sobre o futuro da empresa en Pontevedra e anunciaba un investimento de máis de 130 millóns de euros na factoría durante a próxima década, ademais de retomar o Plan Social que quedara paralizado nos anos previos asegurando que agora durará o tempo de vixencia da prórroga.
Comisións Obreiras, o sindicato máis batallador na loita pola permanencia da fábrica, afirmaba que a sentenza supoñía "un fracaso de Lores e do BNG".
INCIDENTE DE NULIDADE DE ACTUACIÓNS
O Concello de Pontevedra decidía o 13 de marzo presentar un "incidente de nulidade de actuacións" coa intención de que a sentenza sobre ENCE volvese á Audiencia Nacional e anunciaba que o exministro Francisco Caamaño asumiría a loita xudicial do Concello nas seguintes accións xudiciais.
A Asociación pola Defensa da Ría tamén decidía acudir á Unión Europea denunciando a prórroga da pasteira.
Fronte a esta postura, o CEO de ENCE, Ignacio de Colmenares, aseguraba que a sentenza do Supremo era definitva e que non cabía recurso. Pola súa banda Alfonso Rueda desde o executivo galego insistía en pedir á administración local que deixe á empresa traballar.
Finalmente, o 4 de xullo coñecíase que o Tribunal Supremo confirmaba a sentenza e rexeitaba os incidentes de nulidade presentados polo Concello e polo Estado. A pesar do revés, o alcalde de Pontevedra asegurou que seguirán buscando vías posibles para recuperar a ría.
PERDAS ECONÓMICAS
Cando as cuestións xurídicas melloraban para os intereses da empresa industrial, ENCE admitía a finais de xullo perdas de 4,2 millóns de euros no primeiro semestre do ano. A este problema sumábanse as denuncias sindicais sobre os "recortes e despedimentos" que a entidade permitía en contratas e auxiliares que traballan para a fábrica pontevedresa. Ademais, os traballadores reclamaban investimentos inmediatos nas instalacións, unha vez confirmada a continuidade.
O 15 de setembro o caso ENCE chegaba ao Tribunal Constitucional, unha vez que o Concello de Pontevedra formalizaba un recurso de amparo contra a decisión de consolidar a prórroga ata 2073.
A empresa, a través de Antonio Casal, director territorial de ENCE en Galicia anunciaba que a principios de 2024 presentarán o plan estratéxico da compañía para os próximos anos. Nesas datas, a entidade recoñece perdas de 24 millóns de euros no terceiro trimestre pola baixada de prezos da celulosa.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.