Agustín Fernández pídelle a Pedro Sánchez que recupere a Lei de Costas se accede ao Goberno

Pontevedra
23 de abril 2015

Durante o seu encontro, Fernández transmitiulle tamén a necesidade de que o Goberno do Estado se involucre no traslado de ENCE, acabando así co "impacto ambiental e urbanístico" sobre a ría de Pontevedra e a área urbana Pontevedra-Marín

Pedro Sánchez xunto Agustín Fernández nun acto do PSOE en Santiago
Pedro Sánchez xunto Agustín Fernández nun acto do PSOE en Santiago / PSdeG-PSOE

Aproveitando a presenza de Pedro Sánchez nun acto político do PSOE en Santiago de Compostela, o candidato socialista á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, pediulle ao secretario xeral do partido que, se accede ao Goberno despois das próximas eleccións xerais, recupere a anterior Lei de Costas. Asegura que dita normativa foi "corrompida" polo Partido Popular, o que lle abre a porta a ENCE a seguir na ría.

O candidato pontevedrés mantivo unha conversa co líder do Partido Socialista, na que lle explicou as consecuencias da "perversión" da Lei de Costas na cidade de Pontevedra.

Agustín Fernández explicou que a defensa do litoral "debe ser cuestión de Estado" e que resulta "inescusable" volver ao marco normativo da lei aprobada en 1988, que reducía a 30 anos a vixencia das "antigas concesións a perpetuidade do franquismo".

Na conversa, Fernández transmitiulle tamén a necesidade de que o Goberno do Estado se involucre no traslado de ENCE, acabando así co "impacto ambiental e urbanístico" sobre a ría de Pontevedra e a área urbana Pontevedra-Marín.

O candidato puxo tamén o acento na necesidade de que todas as administracións se tomen en serio o saneamento da ría e cumpran, dunha vez, as directivas europeas sobre saneamento en zonas sensibles, que están en vigor dende 1998.