Agustín Fernández promete o remate da rede de saneamento durante a visita a Santa María de Xeve

Pontevedra
03 de maio 2015

Os socialistas pontevedreses presentaron o Plan de Acción para as 15 parroquias de Pontevedra, que se centra en ofrecer aos veciños do rural a mesma calidade de vida que aos do centro da cidade

Agustín Fernández, candidato socialista, mantén unha xuntanza con veciños de Santa María de Xeve
Agustín Fernández, candidato socialista, mantén unha xuntanza con veciños de Santa María de Xeve / PSOE

"Non se peatonalizará un metro cadrado máis do centro antes de finalizar a rede de saneamento", así de concluínte mostrouse Agustín Fernández, candidato á alcaldía de Pontevedra do PSOE na súa visita á parroquia de Santa María de Xeve durante este domingo 3. E engadiu que no próximo mandato a prioridade será finalizar a rede de saneamento do rural.

O cabeza de lista dos socialistas engadiu que é necesario negociar forte coa Xunta de Galicia para que se cumpra o protocolo de saneamento do rural, asinado polo ex-conselleiro Pachi Vázquez e paralizado polo actual Goberno galego. Fernández afirma que a Xunta recada 4 millóns de euros ao ano dos petos dos pontevedreses no canon de saneamento, destinado a financiar este tipo de obras. Neste sentido, indicou que resta por acometer un investimento de 10 millóns de euros, dos que o 70% debe achegalos a Xunta.

Segundo o candidato socialista, os veciños do rural pontevedrés non entenden como hai máis de 400.000 euros de fondos municipais para unha "suposta praza pública ante o Hospital e non hai partidas para completar a rede de saneamento".

Os socialistas pontevedreses presentaron o Plan de Acción para as 15 parroquias de Pontevedra, que se centra en ofrecer aos veciños do rural a mesma calidade de vida que aos do centro da cidade. Fernández recordou a necesidade de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para racionalizar a construción nos núcleos rurais e avanzou a posibilidade de declaralos como Áreas de Rehabilitación Específica, que permita contar con axudas públicas similares ás das Áreas de Rehabilitación Integral.

Atender o resto dos servizos públicos, mellorar a limpeza, a seguridade viaria, as actividades socioculturais e a atención sociosanitaria son outras das propostas do candidato do PSdeG-Psoe.