Agustín Fernández reúne as ANPAS de Pontevedra para escoitar as súas propostas

Pontevedra
26 de marzo 2015

Fernández, que estivo acompañado de membros da súa candidatura, aproveitou para recordar o millón de euros que se investiu nos colexios de Pontevedra no último ano e que foi posible implantar os comedores escolares e o Plan Madruga na práctica totalidade destes

Xuntanza de Agustín Fernández coas ANPAS de Pontevedra
Xuntanza de Agustín Fernández coas ANPAS de Pontevedra / Mónica Patxot

"Veño a escoitar máis que falar eu", afirmaba o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, antes de reunirse na Casa das Campás con representantes das asociacións de nais e nais (ANPA) do municipio. Aínda así, adiantoulles o seu compromiso a manter, cando menos, o "mesmo esforzo" no apoio á educación pública que ata agora "e se é posible, incrementalo".

Fernández, que estivo acompañado de membros da súa candidatura, recordou o millón de euros que se investiu nos colexios de Pontevedra no último ano e que foi posible implantar os comedores escolares e o Plan Madruga na práctica totalidade destes.

Neste sentido, destacou a colaboración anual que se asina coa FANPA, uns 250.000 euros anuais, para mellorar a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e realizar unha serie de actividades de apoio ás familias; así como a liña de subvencións aberta directa para as diferentes asociacións.

A pesar diso, o candidato socialista lamentou que os cambios legais introducidos polo Goberno na lexislación fai "máis difícil" que o Concello poida acometer obras, xa que pasarán a estar restrinxida "estritamente" a reparación, mantemento e conservación.