Agustín Fernández acusa á Xunta e á Deputación de non afrontar obras nos colexios públicos de Pontevedra

Pontevedra
31 de marzo 2015

O concelleiro de Educación afirma que Pontevedra leva reclamando dende 2009 a sinatura dun convenio que permita afrontar un plan de obras nos centros públicos  

Reunión entre a Deputación, Educación e alcaldes da provincia para abordar obras en colexios
Reunión entre a Deputación, Educación e alcaldes da provincia para abordar obras en colexios / Mónica Patxot

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, afirma que Pontevedra leva seis anos á espera de que se cumpra o plan de obras comprometido coa Xunta de Galicia para garantir o bo estado dos 20 colexios públicos do municipio.

Fernández cualifica como indigno o acto celebrado na Deputación na que a institución provincial achega case 1,4 millóns de euros, tras a firma do convenio co novo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.

O concelleiro pontevedrés indica que o goberno local presentara unha proposta para amparar obras por un total de 4 millóns de euros cunha repartición dun 60% para a Xunta e un "máis que xeneroso" 40% para o Concello sen que se teña acometido. Desta forma, apunta que os colexios de Pontevedra son atendidos maioritariamente polo Concello e só reciben investimentos puntuais da Xunta de Galicia.

Segundo sinala, unha reposta oficial no Parlamento Galego demostra que, durante 2013, a Xunta investira nos colexios da capital a metade que o Concello. A institución municipal leva invertidos en solitario preto de 2 millóns de euros durante o actual mandato, "obras que se realizan sen a menor coordinación entre as dúas administracións". Agustín Fernández recorda que á Xunta lle corresponden todos os grandes investimentos de reforma, ampliación e mellora dos centros.