Cores Tourís sostén que a Xunta inviste 2 millóns de euros nos centros educativos de Pontevedra

Pontevedra
01 de abril 2015

O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra responde deste xeito ás acusacións do concelleiro de Educación, Agustín Fernández, que lamentaba a falta de obras por parte da administración autonómica

Visita de Cores Tourís e Agustín Fernández ás obras no CEIP Campolongo
Visita de Cores Tourís e Agustín Fernández ás obras no CEIP Campolongo / PontevedraViva

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, respondeu este mércores ás críticas efectuadas polo voceiro do PSOE de Pontevedra, Agustín Fernandez, en relación á exclusión de Pontevedra do convenio asinado recentemente pola Consellería de Cultura e Educación, a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia.

Corres Tourís recordou que as grandes cidades non entraron dentro deste plan de obras xa que a Deputación de Pontevedra conta con convenios concretos que permiten desenvolver obras e servizos, "tal e como debería saber o señor Fernández que é, ademais, concelleiro na súa vila,".

Lamentou que Agustín Fernández falte á verdade sobre os investimentos da Xunta que leva máis de 3 millóns euros dirixidos a centros educativos da cidade aos que, segundo expuxo, haberá que sumar os outros dous que irán destinados a melloras ao longo deste mesmo ano.

O delegado sinalou que os traballos de mantemento corresponden ao Concello e que "nin sequera estes traballos se están a facer como se debe, xa que tivemos que afrontar proxectos de profunda reforma, como foi o caso do Froebel, por danos causados a causa da falta de limpeza e mantemento, labor que corresponde ao señor Fernández", explicou Cores Tourís.