As vacinas déronnos un respiro fronte á pandemia

Pontevedra
30 de decembro 2021

Vacina. Esa foi, sen dúbida, a palabra que máis usamos este ano. Non era para menos. Aínda que as primeiras picadas chegaron a finais de 2020, non foi ata este 2021 que os cidadáns, polo menos os que o quixeron, puidéronse protexer da covid-19

Vacinación pola covid-19
Vacinación pola covid-19 / Mónica Patxot

Vacina. Esa foi, sen dúbida, a palabra que máis usamos este ano. Non era para menos. Aínda que as primeiras picadas chegaron a finais de 2020, non foi ata este 2021 que os cidadáns, polo menos os que o quixeron, puidéronse protexer da covid-19.

A área de Pontevedra pecha este ano con preto do 95% da poboación maior de 12 anos coa pauta completa de vacinación e mesmo, gran parte deles, coa terceira dose xa posta. A eles súmanse os menores de 5 a 11 anos, que empezaron a vacinarse hai dúas semanas.

A loita contra a pandemia, por segundo ano consecutivo, centrou o traballo das autoridades e, de novo, vivimos peches perimetrais, restricións de aforo ou toques de queda e familiarizámonos co chamado 'pasaporte covid'.

E é que as diferentes variantes do coronavirus, a última delas ómicron, trouxeron de cabeza aos responsables sanitarios á hora de facer fronte ás ondas de contaxio que se sucederon este ano e que puxeron a proba a todo o sistema público de saúde.

En canto aos datos da pandemia este 2021, a covid-19 cobrouse a vida de 148 persoas (ata un total de 228) na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde os contaxios, do mesmo xeito que o resto de Galicia, disparáronse nos últimos meses.

Desde o inicio da pandemia, infectáronse (e recuperáronse) máis de 23.000 persoas.

Un dos momentos de maior preocupación viviuse a finais de xuño cando un 'macrobrote' derivado dunha viaxe escolar a Mallorca puxo en xaque ás autoridades e, especialmente, a unha incipiente recuperación económica.

Iso si, o máis que evidente efecto das vacinas logrou que a presión asistencial non fora tan intensa como en ondas anteriores, con menos hospitalizados e síntomas máis leves naqueles que non lograron escapar á infección.

Din os expertos que, a estendida inmunización da poboación e a debilidade de ómicron -a pesar de ser máis contaxiosa- anticiparán a fin da pandemia. Comprobarémolo este 2022, ano o que, en todo caso, seguiremos convivindo con máscaras, test de antíxenos e vacinas.