Aurora Cañizares acompañará a Jacobo Moreira como número 2 da candidatura do PP

Pontevedra
11 de abril 2015
Actualizado: 16:50

Militante do partido dende hai case 30 anos, a actual directora do colexio Álvarez Limeses é a persoa elixida por Moreira para acompañalo á fronte da lista popular. O seu nome empezou a soar con forza cando, o pasado 12 de marzo, ela foi a encargada de conducir o acto no que o Partido Popular presentaba oficialmente a Jacobo Moreira como o seu candidato en Pontevedra

Aurora Cañizares, na presentación de Jacobo Moreira como candidato
Aurora Cañizares, na presentación de Jacobo Moreira como candidato / Mónica Patxot

A mes e medio da celebración das eleccións municipais, o candidato do Partido Popular á Alcaldía, Jacobo Moreira, ultima a lista de persoas que o acompañarán no reto de intentar recuperar o bastón de mando na capital da provincia 16 anos despois.

Trátase dun proceso que se está a realizar con moito secretismo e poucos son os que coñecen os plans do alcaldable popular.

Iso si, un nome xa está claro. PontevedraViva puido confirmar que Aurora Cañizares será a número 2 da candidatura do PP en Pontevedra. Militante do partido dende hai case 30 anos, a actual directora do colexio Álvarez Limeses é a persoa elixida por Moreira para acompañalo á fronte da lista popular.

O seu nome empezou a soar con forza cando, o pasado 12 de marzo, ela foi a encargada de conducir o acto no que o Partido Popular presentaba oficialmente a Jacobo Moreira como o seu candidato en Pontevedra. Ese día, Cañizares dirixíase aos asistentes para celebrar o "emocionante desafío" que supoñía traballar co obxectivo de levar a Moreira ata a Alcaldía da cidade.

Espérase que o propio Jacobo Moreira anuncie o resto da súa candidatura nos próximos días.

Horas máis tarde de que PontevedraViva difundira a noticia, o propio Jacobo Moreira confirmou o número 2 de Aurora Cañizares a través dunha nota de prensa na que destacou "o compromiso, a ilusión e as ganas de traballar pola cidade" que aporta.

Diplomada en Maxisterio e funcionaria dende o ano 1996, Aurora Cañizares Malagón, militante do Partido Popular, representa a renovación que Jacobo Moreira quere ofrecer á súa formación en Pontevedra. Nacida no ano 1968 en Madrid, vén ocupando diferentes cargos directivos en varios centros escolares de Pontevedra. Na actualidade é directora do CEIP Álvarez Limeses. Apasionada da música, colaborou coa Banda de Gaitas de Forcarei como solista e pertence a dúas asociaciones tradicionais de Pontevedra: a Asociación do Traxe Tradicional Galego e a Asociación Cultural Trépia.