Bará asegura que o programa "serio, solvente e rigoroso" do BNG é "a única alternativa real ao PP"

O Salnés
04 de febreiro 2024

O cabeza de lista destaca en Cambados que o Bloque na Xunta "porá as necesidades do Salnés na axenda": Rexeneración da ría, mellora da sanidade, aposta polo comercio local e prazas para maiores no Pazo de Montesacro convertido en residencia pública

Mitin do BNG en Cambados BNG

"O 18F hai que decidir se poñer na Xunta un goberno do BNG para a maioría social ou seguir cun PP que goberna en coalición coas empresas do IBEX e as portas xiratorias". Esa foi unha das ideas centrais que o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, destacou este domingo no mitin de Cambados no que tamén participaron a candidata da comarca Montse Prado e o voceiro municipal Liso González.

Bará salientou que o cambio estase "tocando coas mans" pero insistiu en que, "a pesares das boas sensacións cara o BNG, non está nada feito", xa que a Presidencia da Xunta "pode caer para un lado ou para outro só por unha presa da votos".

Por iso, pediu a toda a xente "unha grande mobilización e participación" e que "se reúna na papeleta do Bloque todo o voto do cambio", xa que "é a única alternativa real ao Partido Popular" e calquera outra opción beneficiará aos ‘populares’. "Non debe perderse nin un só voto", afirmou.

O cabeza de cartel subliñou que "non hai color" entre a candidata do BNG, Ana Pontón, e o do PP Alfonso Rueda. Tamén salientou a diferenza de proxecto e de modelo que defende a formación nacionalista e os populares. "Nós estamos a facer unha campaña propositiva, explicativa, traballada e estudada, cun programa serio, solvente e rigoroso", dixo Bará, contrastando co balance do Partido Popular nos últimos 15 anos que resumiu como "a nada" a pesar de "manexar miles de millóns".

O número un na provincia destacou que o BNG dende a Xunta será "un aliado do Salnés", que porá na axenda as súas necesidades: Rexeneración da ría, mellora da sanidade, aposta polo comercio local e prazas para maiores no Pazo de Montesacro convertido en residencia pública.

ENTROIDO

O BNG promoverá a declaración do Entroido tradicional galego como patrimonio cultural inmaterial da humanidade por parte da UNESCO. Así o anunciou o cabeza de lista do Bloque na provincia de Pontevedra, Luís Bará que subliñou a importancia destas celebracións como elementos de identidade e a súa potencialidade para a dinamización turística de zonas rurais.

Arquivado en