Case 200 autobuses achegarán xente de toda Galicia á "festa" do Partido Popular na praza de touros

Pontevedra
02 de febreiro 2024

O Partido Popular celebrará este sábado 3 ás 17.00 horas o mitin central de campaña ás eleccións da Xunta en Pontevedra coa presenza do candidato Alfonso Rueda; o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo; e o ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Paula Prado, secretaria xeral do PP de Galicia, visitaba este venres as instalacións e sinalaba que agardan a asistencia de máis de 10.000 persoas ao acto, que definiu como unha "festa" na que haberá ata un dj 

Luis López, Paula Prado e Rafa Domínguez conversan na praza de touros Mónica Patxot

Paula Prado, secretaria xeral do PP de Galicia, visitaba este venres as instalacións da praza de touros de San Roque en Pontevedra onde este sábado 3 de febreiro, a partir das 17.00 horas, celebrarase o acto central de campaña do candidato popular Alfonso Rueda á presidencia da Xunta de Galicia.

A representante popular definiu a xornada de mañá como unha "festa" na que un dj amenizará a chegada dos asistentes para apoiar ao candidato e darlle forza na campaña que se iniciaba este venres. 

Sinalou que case douscentos autobuses trasladarán a cidadanía de todas as provincias de Galicia para "apoiar o noso candidato" con máis de 10.000 persoas no couso taurino, xunto a eles participarán neste mitin dúas figuras esenciais no Partido Popular: o actual presidente nacional Alberto Núñez Feijóo, anterior presidente da Xunta; e o pontevedrés Mariano Rajoy, presidente de honra do PP e ex presidente do Goberno de España.

Prado insistiu en que o PP é o partido que "máis se parece a Galicia" e destacou a estabilidade e as propostas dos populares para os próximos anos. 

Luis López, presidente provincial do PP, tamén quixo expoñer que o mitin deste sábado mostrará que Rueda quere á cidade e á provincia; que Pontevedra quere a Rueda; e que a provincia de Pontevedra está preparada para afrontar a campaña e "dar ese proxecto que Galicia necesita".

Pola súa banda, Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, mostrouse orgulloso de que Pontevedra acolla novamente a "toda a familia do PP de Galicia e máis cando ou candidato é de Pontevedra". 

Domínguez convidou os visitantes a que fagan un "pouquiño" de gasto na cidade durante a xornada mostrando o seu convencemento de que Rueda contará cunha gran acollida durante o acto do PP, no que tamén está prevista a intervención da número tres da lista, María Martínez.

Arquivado en