Cidadáns propón catro parques caninos en Pontevedra

Pontevedra
12 de maio 2019

O candidato de Cidadáns, Goyo Revenga impulsará tamén a elaboración dunha ordenanza de protección animal

María Rey na mesa informativa de Cidadáns Pontevedra

Cidadáns Pontevedra propón a habilitación de catro parques caninos no municipio. No seu programa, a formación laranxa prevé a creación dun destes espazos en cada punto cardinal do concello pontevedrés, ademais da mellora e adecuación do único existente na actualidade, situado na Xunqueira de Alba.

Segundo sinalou o candidato de Cidadáns, Goyo Revenga "serán zonas acoutadas para que os cans teñan un lugar de esparexemento en liberdade e sen producir molestias. Cada unha destas áreas contará cunha zona de xogo, outra de evacuación e fontes adaptadas".

O programa de Cidadáns Pontevedra recolle tamén a mellora das instalacións do refuxio municipal situado na parroquia de Campañó "a fin de emendar os problemas de saturación que vive o centro de forma continua", así como a posta en marcha de programas municipais para combater situacións de malos tratos e abandono animal, a través de iniciativas de sensibilización para concienciar aos cidadáns.

"Queremos tamén impulsar a elaboración dunha ordenanza de protección animal, que o bipartito BNG-PSOE non se preocupou en poñer en marcha en vinte anos", concluíu Revenga.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora