Cubela presume de ter acadado máis de 2,5 millóns de euros en investimentos para Cotobade

Cerdedo Cotobade
19 de maio 2015

Segundo o candidato do Partido Popular á alcaldía, o investimento repercutirá en todas as parroquias. Jorge Cubela destaca, entre as obras previstas, a recente licitación do acceso a Calvelo por parte de Fomento

Jorge Cubela, na pasarela de madeira que une Calvelo coa Ponte Colgante Concello de Cotobade

O candidato á alcaldía de Cotobade, Jorge Cubela, sinalou que os investimentos e subvencións que se lograron para o municipio para este 2015 ascenden a 2.560.900 euros, unha cifra que se logra, segundo expón, grazas a chamar a moitas portas e a saír do despacho en busca de axudas.

Desta forma o candidato do Partido Popular destaca que durante este presente ano se executará esta cifra con investimentos que repercutirán en todas as parroquias coas humanizacións da Travesía de Carballedo e a mellora da seguridade da estrada vella de Tenorio, ademais do acceso de Calvelo, os proxectos de reforma de diversas Casas do Pobo, así como o proxecto do Balneario de San Xusto e o ensanche das estradas de Vila de Arriba e Almofrei.

Están proxectadas cinco Casas do Pobo, ademais da ampliación de vestiarios e a construción de bancos e dun almacén no Pavillón de Tenorio, onde practican deporte 200 usuarios todas as semanas.

Segundo sinala Cubela, dende o Concello púxose en marcha un proxecto de recuperación de fontes a través da colaboración de asociacións de veciños e comunidades de montes para rehabilitalas nos lugares de Dorna, Vila Abaixo, Vila Arriba, Barbeitos, Pazos de Borela e Corredoira, con colaboracións da Deputación e a Xunta de Galicia.

A Consellería de Medio tamén adxudicou a redacción dun proxecto de recuperación paisaxística e etnográfica das augas de San Xusto, na parroquia de San Xurxo de Sacos.

Na estrada vella de Tenorio, a anterior N-541, construiranse canles de aglomerado, pintarase toda a estrada e mellorarase a seguridade de toda a travesía.

Tamén está previsto o ensanche de acceso a Vila de Arriba, da estrada de Almofrei, aprobada polo pleno da Deputación, ademais da reposición do muro de sostemento da estrada Viascón-Cuspedriños. Tamén se ensancharán pistas tras a xestión dende a alcaldía da cesión de terreos privados en diferentes camiños municipais, ademais da reposición de firme en estradas e camiños.

Por outra parte, acometerase a ampliación dos saneamentos de Cuiñas en Viascón e en Traslamós en Tenorio, ao mesmo tempo que se crearán parques infantís en catro lugares do concello de Cotobade.