Despois da Peregrina, máis festa enriba

Pontevedra
08 de agosto 2025

Pasada a Semana Grande das festas a programación festiva da Boa Vila aínda depara varias citas imprescindibles antes de pechar o verán

Feira Franca 2024

Asegura a tradición que "despois da Peregrina, o inverno vén enriba", pero Pontevedra empéñase en negalo xa que aínda queda verán por diante na Boa Vila.

Pontevedra reserva aínda citas importantes dentro da súa programación festiva, durante os meses de agosto e setembro.

Un exemplo diso será o 18 de agosto 'Aquí báilase', unha actividade de promoción do baile tradicional que levará a cabo na Praza da Ferrería a partir das 19.00 horas.

Uns días despois a música volverá ser protagonista co Festival Río Verbena.

O venres 22 e sábado 23 de agosto pasarán polo Recinto Feiral bandas e artistas como Loquillo, Xoel López, Coque Malla, Andrés Suárez, Álvaro de Luna, Nil Moliner ou Carlos Sadness, entre outros.

Tamén o 23 de agosto terá lugar a tradicional Festa do Demo, con saídas ás 12.30 e 20.00 horas polo centro histórico xunto a un concerto de San Bartolomeu da Banda de Música de Salcedo na Praza de José Martí (21.00 horas) e a Foliada do Demo cos Chichisos e Comando Curuxas na Praza de Curros Enríquez ás 21.30 horas.

Por útlimo, o programa de festas depara unha das grandes citas do ano na cidade, coa XXIV Feira Franca, que se celebrará o venres 5 e o sábado 6 de setembro nunha edición dedicada ás 'meigas'.

Unha cita imperdible para todos os pontevedreses e os visitantes que se achegan á Boa Vila para retroceder até o século XV, non en balde xa foi declarada Festa de Interese Turístico Galego.