Luís Rei, candidato á alcaldía por Pontevedra, Tere Casal e Celia Abal, integrantes da listaxe de Marea Pontevedra amosaban este xoves dúas grandes cabazas coas que querían escenificar o suspenso que lle dedican ao goberno do BNG na xestión do mercado de abastos.
Tere Casal, que na súa etapa como concelleira socialista tomou responsabilidades sobre este espazo, sinalaba que xa naquel momento se estaba a traballar na xestión para instalar un cortaventos da porta que ofrece a saída cara o río para evitar que entre corrente de aire en inverno. O mesmo sucede co filtro previsto para cubrir as lucernarias do teito.
A número 2 de Marea Pontevedra afirma que, en verán, co sol o xeo derrétese e o peixe pode chegar a estropearse. Tamén amosouse crítica coa posta en marcha da Sétima Feira no andar superior. "Son postiños de artesanía", afirmaba Teresa Casal alegando que esa iniciativa non vai revitalizar a compra. Ademais, recolleu as queixas dos usuarios que indican que o ruído que se xera coas actividades do andar superior fai "insoportable" traballar nos postos de venda durante toda a mañá.
Casal invitaba a Anabel Gulías, concelleira responsable do mercado, a pensar un pouco maís e a espremer o cerebro para dar á praza o que necesita. Na mesma liña pronunciouse a número 24 da lista e praceira do mercado,Celia Abal.Lembrou que ela era afiliada do Bloque e que abandonou a formación pola falta de diálogo que mantivo este goberno en relación ás reformas da praza de abastos. Entende que non se conta coas persoas que teñen as concesións para adoptar decisións. E manifestou varias queixas pola falta de wifi ou a falta de luces nos baños do soto.
"O mercado é un todo. A Anabel se lle está indo das mans, eu entendo que é unha chica moi mona pero primeiro terá que falar coa xente. Eu levo aquí 40 anos", apuntou Celia Abal.
Luís Rei, o candidato de Marea Pontevedra, lamentou qque a zona monumental se atope en declive e como exemplo explicou que en dúas décadas, o centro histórico veu rebaixado de 2.500 e 2.000 residentes a súa poboación coa perda do comercio de proximidade. De 602 locais, Rei indica que un tercio, 134, atópanse pechados ou en ruínas.
O portavoz político insistíu en que a zona monumental non pode vivir de costas ao mercado. Acusou o goberno local de non ter en conta ás 99 persoas que traballan neste espazo de maneira diaria. Denunciou tamén que só 5 traballadores municipais colaboran nas tarefas relacionadas coa actividade do recinto e que en xullo, coa xubilación dun deles, vai reducirse.
Marea Pontevedra aposta por instalar o cortaventos, un filtro solar, unha máquina de xeo, unha consigna de frío no andar inferior e a ampliación do plantel de traballadores municipais, que anos atrás chegou a ser de 10 empregados. Luís Rei teme que se estea privatizando o andar superior como primeiro paso antes de espallar esta fórmula a todo o mercado.