Marea Pontevedra protagoniza unha xornada festiva na Praza da Pedreira

Pontevedra
25 de abril 2015

No seu discurso, previo á comida de confraternización prevista, o candidato Luis Rei acusou o popular Jacobo Moreira de copiar algunha das propostas de Marea "só que como é de casa rica pode presentalas con infografía"

Xantar popular de Marea Pontevedra na Praza da Pedreira PontevedraViva

Coincidindo co 41 aniversario da Revolución dos Cravos de Portugal, Marea Pontevedra organizou unha xornada de confraternización, festiva e reivindicativa para ir quentando motores de cara á campaña electoral.

A festa iniciouse cun pasarrúas a cargo de Fanfarría Taquikardía por varias rúas do casco histórico, para concentrase despois na carpa instalada na Praza da Pedreira, onde os asistentes gozaron dunha comida popular.

Antes desa comida o candidato de Marea á alcaldía de Pontevedra, Luis Rei, protagonizou un breve discurso no que asegurou que os partidos que compoñen a actual corporación municipal "empezan a estar dos nervios".

Rei acusou ao BNG de contraprogramar a súa xornada coa Asemblea Nacional, e tamén tivo palabras para Jacobo Moreira, do que asegurou "copia propostas da Marea só que como é de casa rica pode presentalas con infografía", declarou en alusión á última proposta presentada polo candidato popular, partido que, mantén, "dimitiu da esperanza de maioría absoluta e confórmase con atar por xeracións receitas económicas tan rancias coma a de prolongar a permanencia da Celulosa na ría".

O discurso do candidato de Marea concluíu cun canto colectivo do "Grandola, Vila Morena" representativo da revolución lusa.