Moreira presenta os seus "15 motivos para darlle a volta" a Pontevedra

Pontevedra
04 de maio 2015

O candidato popular amosa a súa preocupación polas protestas que poidan protagonizar os traballadores de Elnosa durante a campaña. Promete a supresión do multamóbil, unha rebaixa dos impostos, o saneamento do rural e un novo plan xeral de ordenación urbana onde habería espazo para grandes áreas comerciais  

Jacobo Moreira e María José Rodríguez Teso
Jacobo Moreira e María José Rodríguez Teso / PontevedraViva
Jacobo Moreira non cre que lle afecte unha posible baixada de votos do PP nestas eleccións /

O candidato á alcaldía de Pontevedra polo Partido Popular, Jacobo Moreira, presentou nun almorzo informativo durante este luns 4 maio os seus '15 motivos para darlle a volta' á cidade que se estenden tamén ás 15 parroquias pontevedresas.

A principal prioridade do representante popular é a creación de emprego e, neste sentido, Moreira promete levar a cabo fórmulas que faciliten a instalación de empresas no municipio e que se xere traballo. O candidato mostrou a súa preocupación ante o anuncio dos traballadores de Elnosa de desenvolver actos de protesta durante a campaña do Partido Popular. Afirma que el está preocupado por eles, pero reiterou que a situación da electroquímica é diferente á de Ence porque os seus propietarios xa mostraron a súa intención de abandonar Lourizán. Por este motivo, entende que "as cousas non se solucionan así" en referencia a posibles boicots dos actos de campaña.

Jacobo Moreira tamén promete a elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Urbana e non rexeita reservar espazos para a creación de grandes áreas comerciais que estean promovidas por iniciativas particulares, aínda que mantén que o seu apoio se destinará a potenciar o comercio local.

O terceiro punto do seu programa céntrase na mobilidade, que se vería potencia coa creación de transporte público urbano e medidas que non supoñan perseguir o condutor. O líder popular afirmou que suprimirá o multamóbil dotando doutras funcións este vehículo adquirido polo actual goberno municipal.

Os populares queren potenciar tamén a Pontevedra social, educativa e cultural, ademais de reducir os impostos con redución do IBI rústico e urbano, ademais dunha rebaixa da viñeta.

Tamén queren potenciar o apartado de deportes e saúde porque, segundo Moreira, é necesario apoiar o deporte base e denuncia que numerosos equipos da cidade teñen que desprazarse a Ponte Caldelas e a Marín.

En materia sanitaria aposta pola creación do novo Hospital de Monte Carrasco. Ademais espera crear unha biblioteca municipal no edificio sindical, consensuar cos veciños o parque fluvial urbano, centralizar a oficina de Turismo nun único edificio, recuperar a zona monumental, sanear as parroquias do rural, potenciar o uso da bicicleta na cidade, humanizar as rúas e potenciar un goberno austero, transparente e participativo.

Os populares iniciarán a campaña coa pegada de carteis e o venres celebrarán unha cea mitin coa presenza de Alberto Núñez Feijóo e a ministra de Fomento, Ana Pastor, na finca Batacos. O presidente dos populares galegos tamén acudirá ao mitin principal da campaña en Pontevedra previsto para o mércores 20 de maio.