O BNG aposta por estender as hortas urbanas polos barrios

Pontevedra
11 de maio 2015

Os membros da candidatura nacionalista Carmen Fouces, Anxos Riveiro, Luis Bará e Pilar Comesaña deron a coñecer esta proposta este luns durante unha visita á horta urbana da Finca do Conde, na rúa Conde Bugallal. Puxeron a instalación como exemplo da rede de hortas urbanas que pretenden promover se conseguen a Alcaldía o vindeiro 24 de maio

Visita da candidatura do BNG á horta urbana de Finca do Conde
Visita da candidatura do BNG á horta urbana de Finca do Conde / Mónica Patxot

O BNG aposta por expandir as hortas urbanas que xa se instalaron en distintos puntos de Pontevedra á zona de Valdecorbos e a todos aqueles barrios nos que haxa suficiente demanda cidadá para a súa conservación.

Os membros da candidatura nacionalista Carmen Fouces, Anxos Riveiro, Luis Bará e Pilar Comesaña deron a coñecer esta proposta este luns durante unha visita á horta urbana da Finca do Conde, na rúa Conde Bugallal. Puxeron a instalación como exemplo da rede de hortas urbanas que pretenden promover se conseguen a Alcaldía o vindeiro 24 de maio.

Este proxecto tamén irá vencellado á recuperación dos invernadoiros da antiga escola obradoiro de Monte Porreiro, que actualmente están abandonados e que poderían ser o centro de operacións para fornecer de planta e semente a estas hortas, e ampliar o proxecto con esta outra iniciativa novidosa.

Ademais das hortas de iniciativa municipal, dende o BNG tamén se defende o apoio a aquelas outras actuacións promovidas por asociacións veciñais, como a que estes días está a desenvolverse na rúa Gorgullón, xunto ao parque do Gafos por parte da Federación de Veciños Castelao.

Vinculada a esta iniciativa, tamén está a horta urbana escolar de Monte Porreiro, que está integrada nun proxecto pedagóxico que ten continuidade logo do curso escolar coas axudas dos familiares dos nenos.