O convento de Santa Clara pecha as portas e ábrese a opción dun gran parque xunto a Barcelos

Pontevedra
30 de decembro 2017

En setembro pechábase o convento relixioso co traslado das tres monxas clarisas que residían nestas instalacións. A partir dese momento, o Concello de Pontevedra amosou o seu interese en chegar a un acordo para abrir ao público ao horta do recinto, un espazo natural de 12.500 metros cadrados de extensión

Convento de Santa Clara, en Pontevedra
Convento de Santa Clara, en Pontevedra / Mónica Patxot

En setembro, o convento de clausura de Santa Clara pechaba as súas portas. A Orde de Santa Clara decidía trasladar a Santiago de Compostela ás tres monxas que residían no recinto. A avanzada idade de dúas delas levou á congregación relixiosa a tomar esta decisión. Un feito histórico, xa que o convento permanecía aberto desde o século  XIII. 

Este templo estaba unido á tradición das parellas que, antes de casar, doaban ovos para garantir bo tempo o día da voda. As monxas na súa marcha tamén levaron os obxectos de máis valor que se atopaban no recinto, que só mantén actividade no baixo dedicado á misión diocesana, xestionado polo Arcebispado de Santiago. 

Estas instalacións contan cunha horta de 12.000 metros cadrados lindeira coa praza de Barcelos e o Concello de Pontevedra entende que ese espazo debe ser aproveitado pola cidadanía.

Por este motivo, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores manifestou a súa intención de establecer un convenio coa orde relixiosa. O primeiro contacto con Sor Consuelo, a nai abadesas das clarisas en Santiago, xa se produciu a principios de decembro e está previsto un segundo encontro, tamén na capital galega, a mediados do mes de xaneiro de 2018.

A ese encontro acudirá a nai presidenta da Federación Bética das Irmás Pobres de Santa Clara, Sor María del Rosario Sánchez Muñoz, que é quen tratará co alcalde pontevedrés as posibilidades que se estudan para este amplo espazo situado no centro da cidade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora