O PSOE propón que sexa posible chegar a Montecelo ou o Hospital Provincial sen 'lombos' nin pivotes

Pontevedra
14 de maio 2019

Tino Fernández defende o uso dos 'lombos' e a necesidade de regular a velocidade do tráfico, pero considera que non se poden seguir instalando como ata agora, pois "é preciso atender aos colectivos e usuarios que se ven afectados pola incomodidade dos mesmos"

Reparto de propaganda electoral do PSOE na contorna do mercado de abastos
Reparto de propaganda electoral do PSOE na contorna do mercado de abastos / PSOE de Pontevedra

O PSOE pontevedrés anunciou este martes que, se chega á Alcaldía despois das eleccións municipais do 26 de maio, impulsará unha revisión dos 'lombos' instalados nas rúas de Pontevedra e porá en marcha dúas medidas para racionalizar o seu uso: promover que sexa posible chegar aos hospitais Montecelo e Provincial sen pasar por ningún destes sobresaltos e modificar aqueles que non resistan unha homologación normativa no que atinxe ás súas medidas. 

O alcaldable socialista, Tino Fernández, anunciou, nesta liña, a posta en marcha dun Plan de Vías Sanitarias, libres de 'lombos' e tamén de pivotes, co obxectivo de asegurar o percorrido das ambulancias e dos servizos de emerxencia ata centros sanitarios

Tino Fernández defende o uso dos 'lombos' e a necesidade de regular a velocidade do tráfico, pero considera que non se poden seguir instalando como ata agora, pois "é preciso atender aos colectivos e usuarios que se ven afectados pola incomodidade dos mesmos".

Ademais de promover as vías sanitarias para ambulancias, tamén considera que é necesario ter en conta as peculiaridades de vehículos de servizo de transporte para persoas con discapacidade funcional severa ou persoas con discapacidade visual, que se atopan con que hai zonas do casco urbano que "parecen unha xincana" e 'lombos' que "dan para facer escalada".

Para garantir que tamén nesas vías sanitarias se respecte a velocidade axeitada para a circulación polo centro da cidade, a proposta do PSOE é impulsar outros elementos redutores de velocidade máis axeitados.

O programa dos socialistas, que Tino Fernández e outros integrantes da candidatura repartiron por zonas do casco histórico este martes, tamén contempla un Plan de Optimización e Reestruturación das Áreas de Servizos e das Zonas de Carga e Descarga, que estará baseado nun exhaustivo estudo das horas nas que se produce unha maior e unha menor utilización das mesmas.

A idea dos socialistas é modificar os horarios de carga e descarga para que se adecúen ás necesidades reais do servizo e se poida así compaxinar as necesidades de comerciantes e transportistas co modelo peonil de cidade. O PSOE tamén estudará a posibilidade de establecer diferentes tempos de estacionamento nas zonas de servizos, actualmente fixados en toda a cidade para un máximo de permanencia de 15 minutos. 

Tino Fernández considera que o modelo de reforma urbana foi, en xeral, beneficioso, pero detecta problemas de mobilidade que él atribúe a que cando se deseñou, non se tivo en conta a colectivos de persoas con mobilidade reducida, maiores ou persoas con discapacidade sensorial nin escoitou a colectivos como Pedaladas.