POAL presenta as súas propostas para a mocidade, "un dos sectores da sociedade máis abandonado en Pontevedra"

Pontevedra
14 de maio 2023

Pontevedra Alternativa (POAL) celebrou un "Encontro da Xuventude" na Praza do Teucro no que expuxeron os seus proxectos para a mocidade e escoitaron todo o que lles quixo dicir a xente nova. Tamén ofreceron unha consumición de balde (caña ou refresco) a aqueles que se achegaron a pasar a tarde con eles

Acto electoral de POAL na Praza do Teucro
Acto electoral de POAL na Praza do Teucro /

Pontevedra Alternativa (POAL) celebrou este sábado un dos actos centrais da súa campaña, que estivo enfocado á xuventude, "un dos sectores da sociedade máis abandonado en Pontevedra pola falta de oportunidades laborais, vivendas con prezos de aluguer e compra asumibles e alternativas de ocio". 

O acto consistiu nun "Encontro da Xuventude" na Praza do Teucro durante o que expuxeron os seus proxectos para a mocidade e escoitaron todo o que lles quixo dicir a xente nova. Tamén ofreceron unha consumición de balde (caña ou refresco) a aqueles que se achegaron a pasar a tarde con eles.

POAL propón abrir as facultades á cidade e a creación dun evento anual no que alumnado e exalumnos do campus pontevedrés, poidan dar a coñecer os seus proxectos persoais xa sexan marcas, ou propostas máis artísticas, deportivas ou doutra índole.

"Todo, co fin de dar visibilidade do seu talento á poboación da cidade e con iso crear un vínculo bidireccional, especialmente para as relacións e oportunidades laborais que poidan conseguir".

Tamén queren que os mercadillos regulares de Belas Artes se abran á cidade realizándose na Alameda, ou no xardín dianteiro da Facultade de Belas Artes, para así, achegar máis a arte dos estudantes á poboación xeral.

Outra das súas propostas é mellorar a oferta de prácticas nas empresas locais para os estudantes universitarios de todas as facultades do campus e que os deseños da cartelería de Pontevedra se encarguen á Facultade de Belas Artes, así como que exista unha colaboración coa Facultade de Comunicación en proxectos municipais relacionados.

POAL tamén fala de construir unha residencia de estudantes pública e da reutilización quioscos de prensa como puntos de información de actividades culturais e deportivas ou zonas de expresión musical ou artística para os mozos.

Pontevedra Alternativa tamén propón crear o Espazo Xove adicando o Gastroespazo do Mercado para xente nova (de 12 a 25 anos) con zona de computadores para realización de traballos, máquinas de vending, un pequeno escenario e unha Oficina Municipal de xuventude.

No seu programa tamén falan dun Espazo Xoguing (ou Espazo X), unhas dependencias municipais de gaming, ofrecendo "clases para que incrementen as súas habilidades en determinados videoxogos" e impulsando a "creación dun equipo municipal de gaming, formado polos mellores gamers de Pontevedra, coas súas clases e a súa participación en campionatos nacionais".

Ademais de continuar co desenvolvemento de xornadas de orientación laboral destinadas para os máis novos, consolidar esta materia nas épocas de fin de curso para alumnos do último curso ESO e de Bacharelato e crear o programa "Volves á escola?", onde os ex-estudantes dos institutos conten aos alumnos as súas saídas laborais.

Para este domingo, Pontevedra Alternativa instalará unha mesa informativa na Praza da Peregrina a partir de 11 a 14 horas, para dar a coñecer as propostas e o seu programa electoral a pé de rúa.