Podemos pecha a campaña presentando a súa aposta para un futuro "sustentable" co plan 'Horizonte Verde'

Pontevedra
24 de maio 2019

 O proxecto propón medidas para a cidade no eido da mobilidade, o transporte público, unha rede ciclista e o fomento de vehículos emisións cero

Acto de fin de campaña de Podemos Podemos Pontevedra

'Horizonte Verde', así se titula a proposta para conseguir un "futuro sustentable" e que centrou o último día de campaña de Podemos- EU, Son en Común.

A formación propón traballar cara a un novo modelo urbano menos dependente das enerxías fósiles e máis eficiente, no que "se potencie o transporte público sustentable e eficaz e se xeneren infraestruturas para o uso das bicicletas", sinalou Quique Pérez, membro da asociación Pedaladas.

No peche de campaña estiveron presentes o candidato á alcaldía, José Ramón Otero; a número dous da lista, Bárbara García; o deputado autonómico, Marcos Cal; e a deputada autonómica Julia Torregrosa.

Segundo Pérez, "Pontevedra ten unha dependencia do automóbil moi alta: temos 483 vehículos por cada 1.000 habitantes, segundo os propios datos da DXT", sendo a primeira fonte de emisións contaminantes do municipio, polo que hai que traballar en reducir a necesidade de utilizar o vehículo privado a motor facilitando os desprazamentos a pé, en bicicleta ou en transporte público.

No plan, que cumpre as directrices do anteproxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, inclúese tamén unha estratexia de mobilidade activa, cunha rede ciclista cun paseo peonil e carril ciclista entre Marín e Pontevedra; unha vía Verde entre Pontevedra e Arcade; e unha conexión ciclista con Monte Porreiro e Montecelo. En total, 18 km de ámbito urbano e 13 km metropolitanos.

Respecto ao transporte público Podemos defende que “ten que ser eficiente, suficiente e con prezos bonificados ás persoas que non cheguen ao SMI", superando a proposta do goberno autonómico.

Como complemento a candidatura defende, entre outros asuntos, a renovación do parque móbil do Concello para substituílo por vehículos de baixas emisións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora