Un parque municipal de vivendas de aluguer; renda básica incondicional; mobilidade e transición enerxética; emprego; cidade para vivir e desfrutar; transparencia; e participación cidadá. Estes son os sete eixos programáticos de Podemos-EU-Son en Común de cara ás eleccións municipais do 26 de maio e este martes trasladáronllos á cidadanía desde unha carpa informativa instalada na praza de Ourense.
O candidato de Podemos á Alcaldía, José Ramón Otero; e a número dous da coalición, Bárbara Iglesias, explicaron as súas propostas ás persoas que se achegaron pola carpa e incidiron na principal mensaxe do partido nestas municipais: "poñer no centro a vida e a xente".
Entre outras cuestións, explicaron as súas propostas en relación coas políticas de coidados ás persoas maiores e para os seus coidadores; o proxecto de creación de prazas de gardería para nenos de 0 a 3 anos; a atención a persoas con dependencia; e unha política feminista.
José Ramón Otero tamén propón crear un parque municipal de vivendas de aluguer, "como dereito asegurado pola Administración e non como ben para a especulación".
No apartado de políticas e programas de mobilidade e transición enerxética, propón apostar por un futuro sostible; un novo modelo urbano con menos enerxías fósiles e máis eficiente; edificios autosuficientes; transporte sustentable e eficiente; transporte público; infraestruturas; e convivencia de tráficos para potenciar o uso da bicicleta.
Podemos Pontevedra quere tamén a dinamización económica local para "acadar unha cidade para traballar" e aposta pola xeración de emprego de calidade, con oportunidades para pequenas e medianas empresas, protexendo o pequeno comercio e o comercio de proximidade e a través dun turismo sostible.
Otero e Iglesias tamén quixeron insistir nunha proposta para a recuperación e a apertura integral da Ría de Pontevedra, coa creación dun bulevar ata Marín e un areal, e na necesidade de que o Concello sexa máis transparente e aberto á cidadanía e promova a súa participación e lle permita á veciñanza saber como se gasta o diñeiro das arcas municipais.