Rafa Domínguez arríscase na súa protesta contra o exceso de lombos

Pontevedra
18 de maio 2019

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra protagonizou este sábado unha breve sentada no lombo situado entre a ponte do Burgo e o mercado de abastos para denunciar que hai 800 elevacións instaladas no municipio. Afirma que se acada a alcaldía revisará un a un para só deixar os necesarios

Rafa Domínguez, sentado sobre o lombo preto da ponte do Burgo
Rafa Domínguez, sentado sobre o lombo preto da ponte do Burgo / PontevedraViva

Aproveitando que o semáforo da ponte de Santiago atopábase en vermello, Rafa Domínguez, o candidato do Partido Popular á alcaldía, posaba para varios fotógrafos sentado sobre o lombo situado entre a ponte do Burgo e o Mercado de Abastos. Unha imaxe que quere amosar o malestar pola proliferación de lombos nas vías públicas da cidade.

"Se fose por Lores habería lombos ata na autoestrada", apuntou Domínguez, que lanzaba a promesa de que se acada a alcaldía revisará unha a unha estas elevacións coa intención de manter unicamente aqueles necesarios e adecualos á normativa estatal. O representante popular asegura que no municipio hai máis de 800 lombos, dos que cre que a metade non contan coas condicións establecidas pola lei estatal.

Rafa Domínguez avanzaba tamén que se eliminarán aqueles pasos elevados que se atopen nas vías sanitarias como é o acceso a Montecelo ao entender que supoñen un prexuízo para pacientes e para o persoal das ambulancias.

Criticou que o BNG de Lores só teña creado lombos e composteiros no rural pontevedrés cando as necesidades das parroquias son outras. Así o manifestaba aos integrantes da Asociación Cultural San Andrés de Xeve e de ARMEL no encontro que mantiña, acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González e polo presidente provincial do PP, Alfonso Rueda.