Rafa Domínguez reivindica o antigo edificio de Facenda como futura casa de cultura

Pontevedra
17 de maio 2019

O PP rescatou este venres, Día das Letras Galegas, unha das súas primeiras propostas electorais: a conversión do antigo edificio de Facenda en San Francisco nunha casa de cultura municipal que leve o nome de Alexandre Bóveda

Ana Isabel Vázquez e Rafa Domínguez ante o antigo edificio de Facenda
Ana Isabel Vázquez e Rafa Domínguez ante o antigo edificio de Facenda / Partido Popular de Pontevedra

O PP rescatou este venres, Día das Letras Galegas, unha das súas primeiras propostas electorais: a conversión do antigo edificio de Facenda en San Francisco nunha casa de cultura municipal que leve o nome de Alexandre Bóveda.

O candidato popular, que estivo acompañado pola número 4 da candidatura, Ana Isabel Vázquez, asegurou que este equipamento, actualmente abandonado, acollería a todos os sectores involucrados no eido cultural.

As instalacións contarían cunha biblioteca pública municipal especializada en literatura infantil e xuvenil, en literatura galega e no cómic; con salas de exposición, con salas de lectura e estudo, cun salón de actos e cun centro interxeneracional e inclusivo.

Tamén albergaría os arquivos municipais, provincial e histórico, converténdoo nun gran centro de investigación. 

Rafa Domínguez engadiu que a súa proposta para a cultura inclúe a creación dun clúster cultural que contribúa a que a cultura "sexa un elemento catalizador de riqueza e da xeración de emprego".

"Queremos poñer en valor o enorme potencial cultural que temos. Pontevedra ten que ser un referente cultural no só a nivel galego, senón de todo o noroeste da península", sentenciou o candidato popular.