"A Derradeira Leición do Mestre", de Castelao
Engadir ao meu calendarioEdificio Castelao do Museo de Pontevedra
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Do 25 de xuño ao 27 de setembro de 2026 o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra exhibe a obra A derradeira leición do mestre, o emblemático óleo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886–1950) pintou en 1945 para o Centro Orensano de Buenos Aires.
A pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda (1903–1936), figura clave do galeguismo e amigo persoal do artista.
Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cede temporalmente para esta exposición. A mostra coincide coa conmemoración do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil, do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 e do asasinato de Bóveda, o que reforza o seu valor histórico e simbólico.
O lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a guerra. Editado en Valencia en 1937, Galicia mártir integra, xunto con Atila en Galicia (Valencia, 1937) e Milicianos (Nova York, 1938), un conxunto que podemos considerar o “Guernica galego”, referente esencial da memoria antifascista, cuxos debuxos orixinais se conservan neste museo desde 1981.
Na escena represéntase, nunha sinxela paisaxe galega, o cadáver dun paseado diante de dous nenos, unha figura na que se recoñece a Alexandre Bóveda, fusilado en Pontevedra o 17 de agosto de 1936. Aínda que o breve texto ao pé da imaxe pode aludir á represión do maxisterio durante a Guerra Civil, o rostro recoñecible da vítima a quen Castelao definiu como “prototipo da cidadanía galega e mártir da liberdade”, simboliza a destrución da razón a mans do fanatismo e da violencia e converte a obra nunha homenaxe a todas as persoas que deron a súa vida pola República, a liberdade e a xustiza.
Castelao constrúe así unha homenaxe a Bóveda e unha reflexión sobre a súa “derradeira lección”, entendida como o sacrificio ata o martirio por Galicia, que adquire un valor simbólico e redentor: os nenos encarnan o futuro e a continuidade dos ideais galeguistas, de xeito que a violencia non consegue destruílos, senón proxectalos nas xeracións vindeiras.
A través dunha linguaxe que combina realismo e simbolismo, influída por Francisco de Goya e pola tradición gráfica europea do seu tempo, a obra constitúe unha poderosa denuncia da violencia e da intolerancia e un dos grandes símbolos da memoria democrática e da cultura galega contemporánea.
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Máis eventos
Ver máis eventos
Café Moderno de Pontevedra

Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, Bueu

Parque da Xunqueira, Vilagarcía de Arousa