A avenida de Marín

09 de febreiro 2026

Pedro J. Peón Estévez fai un repaso histórico da creación da "avenida, pista, autopista, autovía, estrada PO-11" entre Pontevedra e Marín

A Avenida de Marín vai andando amodinho

pois pénsana encher de area coa moega do muínho;

fixeron un aparauto para poder rechear

que se lhe puxo de punta e non quixo trabalhar.

 

Okal - o forno do cal,

Okal - o formo do cal…..

 

A avenida de Marín está de moda estes últimos anos pero xa o estaba cando se fixo, como reza a cantata do xenial Herminio aló polo ano cincuenta. Non tardaría en ser duramente represaliado por cousas coma esta…en fin…que a terra che sexa leve papaínho.

Pois resulta que a "autovía" a Marín leva cinco días cortada e anda o persoal soliviantado porque a auga do mar abanca o vieiro ( cousa que vén acontecendo desde que tenho memoria ). Resumindo; que políticos, comerciantes, autoridades e demais forzas vivas de Pontevedra e Marín ponhen o berro no ceo e van reclamando solucións a Costas, Ministerio de Transportes, Mestre Armeiro ou Luceiro da Alba. Só falta por os santos en novena. Espero que esixan ó sistema solar que avise antes de organizar outra Sizixia. A todo isto, ence fica caladinha, malia ser parte interesadísima no asunto. Pero fagamos un pouco de historia.

19 de Maio de 1947. Apróbase un proxecto de pista entreportos (Marín e Pontevedra), obra esta "moi necesaria" . Este vieiro recibe os nomes de "pista" "autopista" "autovía", estrada PO-11. Para min é Avenida que é como a bautizou a xente dos Praceres con certa sorna.

10 agosto de 1955. Nestas datas xa está moi avanzada. O xornal ABC fala de "terreos GANHADOS ó mar" no canto de ponher ROUBADOS ó mar e tamén de "peche das marismas". A única marisma existente era a de Gandarela e, se acaso, a praia de Montero pero esas xa foran pechadas e arrasadas polo ferrocarril como a praia do Sartán e o areal dos Praceres. O xornal calificouna de obra "audaz e xenial". Xogando con tódalas cartas, calquera fai xogadas xeniais.

Apróbase a celulosa en 1956, o dragado do banco marisqueiro comeza o 30 de decembro de 1958 coa forte oposición da vecinhanza. O goberno golpista mobilizou á policía franquista, ós marinheiros de reemprazo e ó barco canoneiro Hernán Cortés contra civiles desarmados que non facían outra cousa que defender o pan dos seus.

O terrible 10 de febreiro de 1959 aínda arrinca algunha bágoa a día de hoxe.

O 2 de maio de 1961 comeza a construción da fábrica, que se remata en octubre de 1962.

O 12 de septembro de 1963 Franco inaugura a celulosa.

Aínda SEIS anos despois se inaugura e abre ó tráfico a avenida, o 8 de agosto de 1969 !!! E iso que era un vieiro urxente!

En resumo: Ese vial que o falanxista José Malvar fixo, quedou un pouco baixo (por aquilo de abaratar a obra) e agora o mar pasa sobre el. Pensemos: a Avenida pagada polo erario público (muro de sostén do recheo celuleiro camuflado como vía pública) necesita outra vez dos nosos cartos para ter que levantala. Mentres tanto a celulosa cala á espreita de quen lhe arregla o problema (outra vez !!), por certo; tampouco se escoita ó comité. Tanto silencio despois de tanto barulho, só ten unha explicación posible.

Todo comezou cando unha cacheira pensante pensou: "se nos pagan un muro desde Raimundo ata o Cabo e, por terra, o ferrocarril, xa temos os muros de sostén gratuítos para rechear co banco marisqueiro dun xeito barato-barato"

Poucos saberán que cando comezaron a facer a Avenida, os marinbeiros de Lourizán nomearon portavoces para entrevistarse con José Malvar a pedirlhe que fixeran a Avenida sobre piares para que o mar se movese por todo. Botounos fóra de contado. Se lhes fixera caso, hoxe non teríamos este problema. Pero…que máis dá ? Ó final sempre corremos nós cos gastos. Pois aínda menos mal que o primo químico de Rajoi non cre no cambio climático, senón como sería.