Cappuccino Assassino. Podremia mental (ou cerebral)

08 de setembro 2025

Ter netos é un bo marcador de como pasa o tempo. Eles medran e ti, na mesma medida, faste máis maior. Lei da vida. Se lles prestamos atención tamén son unha fonte de coñecemento de mundos nos que non estamos á última como son as redes. Estaba ca miña neta Uxía (nove anos) cando se xuntou cunhas amigas para xogar. Unha deles traía un teléfono móbil, dixéronme que ían ver "memes" en "Youtube". Ao pouco tempo escoito Cappuccino Assassino, segue outro berro con Ballerina Cappuccina e máis tarde Lirili Larilá. Ao oílas non souben de que falaban. Pregunteille. A resposta foi igual que ao principio: avó que anticuado estás, son "memes". Fiquei como estaba, e calei por ignorante. Cheguei á casa e fago pescudas, poño no buscador a palabra Cappuccino Assassino. Sae unha morea de referencias, todas asociadas a unhas palabras, "brainrot (ou brain rot) italiano". Como non sei, teño que aprender. Logo de ler varias páxinas saco como conclusión que do que estaban a falar, e desfrutar rindo, a neta e as amigas era dunhas imaxes absurdas ou duns vídeos curtos (que tamén as chaman "shorfts") feitas con IA. Xeralmente son mesturas de animais e/ou obxectos da vida cotiá. @eZburger401 fixo o primeiro personaxe en xaneiro deste ano e chamoulle Tralalero Tralala, un tiburón con zapatillas Nike.

Cappuccino Assassino, Ballerina Cappuccina e Tralalero Tralalaimaxes feitas con IA

 

A cousa quedaría aí se non fora que vai asociado a palabra inglesa "brain rot" que en traducción literal é deterioro mental, atrofia mental ou, resumindo, cerebro podre. A Oxford University Press elixiuna como palabra do ano 2024 e definiu o seu uso e definición, deste xeito (https://corp.oup.com/news/brain-rot-named-oxford-word-of-the-year-2024/): "o suposto deterioro do estado mental ou intelectual dunha persoa, especialmente visto como o resultado do consumo excesivo de material (agora particularmente contido en liña) considerado trivial ou pouco desafiante. Tamén: algo que se caracteriza como susceptible de conducir a tal deterioración", e engade, "o termo adquiriu un novo significado na era dixital, especialmente durante os últimos 12 meses. Inicialmente gañando tracción na plataforma de medios sociais –particularmente en TikTok entre as comunidades Xeneración Z (nacidos entre 2013 e 2024) e Xeneración Alfa (nacidos entre 1997 e 2012)– 'brain rot' agora está a ver un uso máis xeneralizado, como no xornalismo convencional, no medio de preocupacións sociais sobre o impacto negativo do consumo excesivo de contido en liña". O emprego de "podremia cerebral" non é un termo de agora. Xa en 1854 apareceu nun libro de Henry David Thoreau Walden (para min o primeiro ecoloxista), no que relataba as súas experiencia de vivir dun xeito natural. Thoreau dicía: "Mentres Inglaterra esfórzase por curar a podremia da pataca, non fará ningún esforzo para curar a podremia que prevalece moito máis amplamente e fatalmente?".

A min todo isto dáme un pouco de medo. Estética delirante que mestura a animación infantil co ruído dixital, discursos que non teñen lóxica, referencias absurdas. Os expertos advirten que estes vídeos non son inocuos, e que a sobreexposición, o contido fragmentado, sen narrativa nin propósito, pode alterar os procesos cognitivos. O pediatra Michael Rich do Laboratorio de Benestar Dixital (Boston) (https://digitalwellnesslab.org/team/michael-rich/) di que "unha maneira de describir o que ocorre cando pasas moito tempo na internet, e trasladaches a túa conciencia ao espazo en liña en lugar da vida real, e estás a filtrar todo a través do lente do que se publicou e o que se pode publicar". Comeza a haber implicacións lingüísticas e sociais. Houbo colexios nos que os profesores tiveron que prohibir frases como "Ballerina Cappuccina" ou "Tralalero Tralalá" pola interrupción constante das clases.

Hai xente que comeza darse conta que algunhas redes consumen as súas vidas ata o punto de podrecer o cerebro. Algunha falan acotío con frases de internet. Vemos, sobre todo nos restaurantes, como os pais para comer tranquilos lle "enchufan" a bebés, e non tan bebés, o telefono móbil para que estean tranquilos e eles xantar en paz. Aínda así e todo non vou ser eu quen diga que hai que "satanizar" o móbil, nestes tempos. Dicirlle a unha nena, ou neno, "estás mellor sen o móbil" é facelos sentir mal xa que provoca que queiran facelo máis. Non se trata de prohibir senón de educar, hai que saber poñer límites. Unha senadora de Australia, Fatima Payman, usou a xerga de personaxes de "Skibidi Toilet" nun discurso no parlamento rematando: "aínda que algúns de vostedes aínda non poden votar, espero que, cando o fagan, sexa nunha Australia máis goated e cun goberno con máis aura. Skibidi".

O "brain rot" está ai fóra. Coidade os vosos cerebros, e os dos vosos cativos e cativas, que non se vos podrezan. Vacinádeos con educación e moita paciencia.