J. S. Bach, Toccata and Fuga D minor BWV 565 - Jean-Baptiste Dupont. (*)
Asómbrame ver como a crise sanitaria provocada polo risco de expansión do hantavirus deixou estes días na escena política, máis alá da gravidade epidemiolóxica, un intenso debate sobre a responsabilidade institucional e o uso do medo como ferramenta política. As declaración dos dirixentes do PP e o presidente de Canarias, Fernando Clavijo van nese camiño. Este nunha entrevista en El País (08/05/2026) di: "Hasta que el barco no se vaya y tengamos la tranquilidad de que están todos los pasajeros y los aviones rumbo a sus lugares hacia la cuarentena, yo no voy a estar tranquilo". Unha frase que, lonxe de xerar tranquilidade, proxecta unha imaxe de incerteza e descontrol impropia, por mesquiña, dun responsable público en plena alerta sanitaria. A sociedade precisa información rigorosa e mensaxes que transmitan confianza, as palabras de Clavijo parecen máis dun drama de cine que de prudencia política, e xa non entro, por causar risa, no dos ratos nadadores que de ser certo Canarias levaría anos infectada. Éme inevitable imaxinar ao mandatario nun helicóptero, megáfono en man berrando: "Abandonen a illa, sálvese quen poida". Dáme vergonza allea. Patético.
Cooperación, serenidade e transparencia son elementos esenciais nunha crise sanitaria. Clavijo acusou á ministra de Sanidade, Mónica García, de falta de coordinación e comunicación. O refrán popular non se engana, "cóllese antes a un mentireiro que a un coxo". Os datos coñecidos posteriormente desmontan a narrativa. Tres chamadas da ministra de Sanidade na primeiras 24 horas logo de coñecerse as decisión da OMS. 12 chamadas do ministro de Asuntos Territoriais. Moitas reunión entre departamentos. Agora hai que buscar unha saída de neno pequeno cando minte. Pon o pretexto, na entrevista, de ter "un desencuentro de gestión y no político con el Ejecutivo Central". E dálle.
Non foi un caso illado. Ás críticas, e peticións de dimisións, sumáronse Esther Muñoz, Isabel Díaz Ayuso, Mieguel Tellado, Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feijóo, convertendo unha crise sanitaria nun novo campo de batalla política. O preocupante é comprobar como parte da oposición parece máis interesada en desgastar ao Executivo central que en colaborar coa OMS, coa UE ou co propios organismos sanitarios. O noso Rueda, como bo obediente da calle Génova tamén criticou, o venres, a "descoordinación" do Goberno e esixe "certezas". Voulles dar unha fórmula ao presidente Clavijo, ou ao noso Rueda. Se queren durmir tranquilos non permitan que chegue as illas ningún turista, ou que non veña ningún peregrino, non chegan controlados por ninguén e, vai saber ti o que traen. A política é unha cousa seria e non o que fan estes politiquiños que non dan o nivel. Aínda a día de hoxe non sabemos que farían eles se gobernasen. Cando os escoito, como hai barco por medio, lémbrome da película "Cateto a babor", mais este cateto mariñeiro tiña bo corazón, estes catetos políticos, contrariamente, son uns mesquiños que cren que para gañar vale todo. Aínda que neste caso van ter que recoller cable, practicaran a tocata e fuga, iso si na intimidade como Aznar co catalán.
A política ten que servir para ofrecer seguridade, non para alimentar a ansiedade. Cando hai cidadáns afectados e familias preocupadas, o que se espera do líderes é honestidade, responsabilidade e (sobre todo) altura institucional. O contrario deteriora a confianza pública.
(*) A peza de J.S. Bach foi a que máis se usou no comezo do cine, asociada ao medo, ao terror, os viláns, a Drácula ou a Halloween. Poñédea de fondo cando falan Clavijo ou os do PP. Espallan medo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.