Clara non acudirá á manifestación do 8M. Traballa nunha cafetería, no centro da súa cidade, e xustamente ese día é dos que máis concorridos está, precisamente por iso, pola manifestación. Os cafés previos a ela, e as cañas de despois, tanto de participantes como de organizadoras, ademais, evidentemente, da clientela habitual, fan impensable que poida faltar nin media hora ao seu traballo. Pola contra, case con toda seguridade lle tocará, por esta mesma circunstancia, saír máis tarde.
Alicia traballa coidando dous nenos, e o seu horario, en circunstancias normais, remataría á primeira hora da tarde, pero a nai dos cativos, esta tarde, acudirá á manifestación, polo que lle pediu que quedase con eles para darlles a cea, bañalos e demais porque o seu home, di, “non se apaña”. Non se lle pasou nin por un intre pola cabeza que tal vez Alicia tamén quixese participar, porque ela é “activista” convencida, “full time”, como ela di, pero ben remunerada, iso si.
Alba é dependenta nunha pastelería, e, teoricamente, debería poder ir a manifestarse, pero soamente teoricamente, xa que, unha vez que a verxa da tenda baixa, despois de que saian os clientes máis rezagados, toca ordenar todo o que quedou espallado pola tenda adiante, limpar, pasar o aspirador... para que ao día seguinte, á hora de abrir, estea todo en perfectas condicións, co cal a súa xornada se prolongará, como mínimo, unha hora máis do que figura no letreiriño da porta.
María é nai dunha nena de curta idade. Hai pouco que se separou da súa parella, despois dunha longa relación que a piques estivo de rematar con ela, xa que, case desde o comezo, foi vítima de violencia de xénero. Ela é máis “afortunada” en canto ao horario laboral, xa que atopou traballo no sector dos seguros, polo que é máis flexible, pero esa flexibilidade é unha arma de dobre fío, porque non ten ingresos fixos. Traballa a comisión e cun contrato mercantil que, ironicamente, permite que a “despidan” se non cumpre os “obxectivos” impostos pola empresa, pero que non lle outorga dereito legal ningún que a ampare, porque esa modalidade de contrato atópase nun “limbo” legal, case no limiar desa legalidade, pero sen sobrepasalo, no que a aseguradora sempre gaña, e as traballadoras e traballadores sempre perden, xa que nunca saben canto van gañar a primeiros de mes, nin se van gañar algo, porque o esforzo realizado non garante resultados. Cada minuto, cada potencial cliente conta, sexa a hora que sexa. Habitualmente, durante a semana conta coa axuda dunha amiga, que coida da súa nena, pero non as fins de semana. A hora da manifestación coincide co regreso da nena de pasar a tarde co seu pai, e non están as cousas como para provocar discusións, e menos sendo a súa exparella como é, por participar nunha manifestación feminista, polo que tampouco pode asistir, xa que, evidentemente, ten que recollela.
Carme vive na zona rural, é feminista ata a médula, pero o gando non o sabe, e hai que muxilo como cada día, ademais das outras tarefas tanto no campo como na casa, incluído o coidado dos fillos e dos seus sogros, xa maiores, e que requiren todo tipo de atencións. Ademais, a cita do seu home cos amigos na taberna a esas horas é algo sagrado, co cal nin se contempla a remota posibilidade de que ela poida ausentarse.
Poderiamos seguir poñendo exemplos ata a saciedade de mulleres que, sen dúbida ningunha, son feministas como as que máis, que son moi conscientes de que aínda queda moito camiño, moitísimo, longo e difícil, por percorrer para acadar esa igualdade real á que elas, como moitas máis, aspiramos.
Son, sen dúbida algunha, un claro exemplo de mulleres feministas que non soamente non poden saír á rúa a tentar demostralo, pero que o fan cada día, co seu esforzo, coa súa superación ante centos de atrancos contra os que teñen que loitar porque non son “referentes”; o seu traballo non é recoñecido, malia que poderían, poden, de feito, gabarse de que méritos lles sobran e o fan, coma unha gran maioría, día a día, en silencio, tentando capear as tormentas que a vida lles vai poñendo diante, que non son poucas, como boamente poden... se poden.
Para nada se senten representadas por esas mulleres que aparecen nos medios de comunicación durante estes días, triunfadoras, sempre perfectas, que nos din que se elas puideron, todas podemos, e que nos falan de conciliación como se fose algo tan doado de acadar como é para elas, que, aínda así, e contando con axudas, nos din que non dan para máis, que lles resulta enormemente difícil compaxinar a súa vida familiar coa profesional... En fin.
Ninguén lles quere restar méritos, por suposto, pero, feministas ou non, hai comparacións que nin de lonxe se deberían facer.
Falamos moito de estereotipos, e máis aínda de igualdade, pero é moi difícil crer certos discursos cando somos as propias mulleres as que presentamos exemplos que, nos guste ou non admitilo, están tan só ao alcance dunhas cantas privilexiadas.
Unha muller que dirixe unha empresa de éxito, cos petos ben cheos e sen que lle falte de nada, obviamente, á primeira saída de ton dun home, pode poñer os puntos sobre os is e tomar, se é preciso, as medidas que considere oportunas; pero cando se traballa para sobrevivir, para sacar adiante uns fillos, cando cada euro conta, por desgraza, o feminismo, as reivindicacións, nos guste ou non, teñen que ficar gardadas no peto, mal que nos pese, e iso non nos converte en menos feministas, senón en superviventes.
Por todo isto, e por moito máis, hoxe, mañá, e cada día, estamos con vós, e sentímonos parte de vós, porque todas somos mulleres, loitadoras, porque todas sabemos o que é loitar día a día ata que nos faltan os folgos, e cremos que non poderemos seguir adiante, pero seguimos e seguiremos.
Porque todas e cada unha de nós somos feministas, si, pero tamén auténticas superviventes.
Asociación Si, hai saída