Crónicas de San Xinés de Padriñán II: Modas ou parvadas que veñen co verán

27 de xullo 2026

Pasa todos os anos. Agroman os "fodechinchos" e con eles novas modas, novos xeitos. Non sei como fan que sempre conseguen sorprenderme. Para min que fan cursos no inverno para poder mostrar fachenda e chulería no verán. Hai menos chinchos, pero eles seguen aumentando. Agora están nun período evolutivo que ten máis que ver co que agora, de xeito despectivo, se lle chama "cuñado" que co "fodechinchos" clásico. Pensei, durante tempo, que era exclusivo de Galicia, pero non. Observeinos, este ano, tamén en Cambrils, Mérida, Córdoba e Zamora, mais estou certo que pasa por toda a Península Ibérica.

Como padronés enfadábame que fritiran os pementos con rabo. Ganaron eles, agora son poucos os sitios onde se friten sen rabo. "Se cogen mejor con rabo", dicían. Eu cominos, e cómoos, sempre sen rabo, saben mellor, probade. Logo veo ao arrefriar o viño tinto como se fora un branco, que dito sexa de paso xa se arrefrían de máis. Vin nunha mesa dun restaurante como poñían un tinto reserva metido nunha funda arrefriadora para mantelo frío.

Desde hai un par de anos trouxeron a moda do "hielito" no viño. "Ponme un hielito en la copa que me gusta más frío". É que aos fodechinchos gústalles falar en diminutivo. Ide a un mercado e observade. "Deme ese pulpito, péseme un kilito de doraditas, córteme las chuletitas finitas". Aínda me río cando lembro á miña pescantina Lola cando o ano pasado na praza unha "fodechinchos" lle dixo: "un kilito de sardinitas". Lola púxolle xoubas, a "fodechinchos" colleu un cabreo de manda nabo. Calar á Lola tampouco é doado, non se cortou, díxolle: "mire usted esto le son sardinitas, que les decimos xoubas, las que usted quiere son sardinas, no sardinitas, fíjese en el cartel que tienen con el precio, pone sardina". Isto repítese todos os anos coma os coches aparcados nos peiraos en marea baixa e que logo, ca marea alta pasa o que pasa.

Mais o deste ano supera con moito o dos outros anos. Sabía do uso do limón antigamente para disimular o mal cheiro, ou falta de frescura, do peixe en tempos onde non había os sistemas de conservación de hoxe. Sempre se soubo que o ácido cítrico neutralizaba os compostos amoniacais, que saen na descomposición. Tamén abrandaba as febras e espiñas. Disto quedou, nalgunha xente, botarlle limón a algún peixe como o rebozado e frío. Pero ao que ía este ano vin, máis dunha vez, como pedían nécoras con limón para irlle botando por riba. Mesmo se permitían comentar o gusto que lle daba. Gusto a limón, pensei eu, porque o que a nécora non sei onde quedará. Isto debería estar penado con multa. Que vai ser para o ano que ven, zorza con ali-oli? Non lle deas ideas — dime o amigo Antón. Desfrutade dunha boa nécora, iso si, sen limón, e nos meses con erre.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora