Onte, 29-11-2024, Celia Cortizo -a nosa Celinha- soltou amarras e deixouse ir de vagar, a través do ancho mar, cara o Alén. Lela, Lelinha (como lhe chamaban os netos) foise tralos pasos do seu Gongo (Antonio, no dicir dos netos) con afouteza, sen medo.
Desde a Barcia do Seixo ata Salvador de Bahía foron os Cortizo procurar un mundo melhor. Alá no nordeste brasileiro naceu Celia hai 93 anos, recén cumpridos. Despois apareceu Tucho e fundaron un rexo clan ( Ana, Fernando e Maruxa e unha manchea de net@s, todos ecoloxistas )
Botámola a faltar como persoa, amiga e activista íntegra a prol da natureza. Nunca Celia faltou a ningún acto reivindicativo da ecoloxía, primeiro a carón de Tucho e despois soa, mentres as pernas a sostiveron en pé, mentres o aire xurdiu pola súa boca para berrar: “Ence, peche Xá !”. Ence, que sospira fondo véndo partir á valente loitadora sen se decatar que deixa tras de si un importante legado.
Celinha foise seguindo o ronsel de Tucho, o benquerido Gongo, e deixounos a todos un pouco orfos.
Manhán ás 11:30 irémola despedir á Barcia, onde agarda o noso Tucho, na aba nacente do monte, á sombra de Portalén e a Cruz do Seixo, nas fontes do río Verdugo que nos acompañará de ida e de volta no seu devalar cara a enseada de San Simón.
Ali dirémoslhe: DEICA LOGO, CELINHA.