Asisto preocupado a pelexa entre Elon Musk e Donald Trump. Móvense os marcos. Estamos vendo en directo a ruptura entre o presidente dos EEUU e o seu "first friend" (primeiro amigo) e de quen dixo "He's an amazing guy"(é un tipo incrible). Houbo analistas que predixeron que esta alianza non ía durar mais non podemos negar que a velocidade coa que estoupou é moi dramática e poder trae consecuencias. Moira Donegan en The Guardian, o 06/02/2025, publicaba "It is Elon Musk who is now running the United States. Not Donald Trump" (É Elon Musk quien dirixe agora os EEUU. Non é Donald Trump), pero tamén falaba que estábamos na era dos empollóns ("nerds"), que foran estudantes e apoucados e que agora "van de irreverentes, despreocupados e antisolemnes mentres poden acabar coas nosas vidas". Bill Gates, un "nerd" declarado, dixo, fai máis de dez anos, a frase de "sede amables cos "nerds" porque o máis probable é que acabedes traballando para eles".
Criámonos coas películas que exporta Hollywood. Coñecemos os seus institutos. O quarterback como mozo da xefa do equipo de animadoras. A xerarquías sociais (ou as castas?): deportistas, animadoras, nenos e nenas ricos, nenos e nenas buscando ligue, músicos, algún ou algunha antisistema e tamén "nerds" e "geeks". Aclarar que non é o mesmo un "nerd" (empollón) que un "geek" (que aquí poderíamos definir como un friki). Os "nerd" son xente con altas capacidades, arrogantes que desfrutan co desprezo cara os outros. Porén os "geek" son de videoxogos, comics manga, introvertidos e coleccionistas. Exemplo de "nerd" son Steve Jobs, Bill Gates, Jeff Bezos, Mark Zukerberg e Elon Musk. Pola contra Sheldon Cooper (The Big Band Teory) sería un "geek". Tanto uns como outros son inadaptados sociais e presas fáciles dos matóns de instituto e sofren acoso escolar e bullying (ou Ciberbullying).
Elon Musk apoiou a Trump na carreira á Casa Branca. Puxo cartos e a plataforma X. Foi nomeado para dirixir o Departamento de Eficiencia Gobernamental (DOGE) co mandato de reducir o gasto do Goberno Federal. Alí cos seus xoves "nerd" pecharon programas "malgastadores" como o USAid, a Axencia de Axuda Exterior USA, eliminaron parte dos Departamentos de Educación e Traballo, privatizar a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica e, sobre todo, varios accesos como á tesourería, a datos privados e confidenciais, contas bancarias, historiais médicos, ... Entrou no círculo de íntimos de Trump. Participou nas reunións do gabinete, viaxou no Air Force One, ía durmir a Mar-a-Lago e apareceu no despacho Oval co fillo nos ombreiros a carranchapernas. Ganou influenza, recortou persoal do goberno e case desmantela algunhas axencias federais. Puxo en X: "encántame @realDonaldTrump tanto como un home heterosexual pode amar a outro home" (toda unha declaración de principios). Cando Tesla se enfrontou ás protestas anti-Trump, este montou un concesionario na Casa Branca e mercou en Tesla vermello en apoio de Elon Musk. A semana pasada Musk, cun ollo morado, despediuse de Trump. Logo queixouse da Big Beautiful Bill (Gran proxecto de lei) chamándolle "abominación asquerosa"(disgusting abomination). Comeza o duelo de entradas nas plataformas. Insulto ou ameza vai e, insulto ou ameaza ven. Asistimos a un momento que poderíamos clasificar de tolemia demente. Dunha loita entre un tarambainas ignorante que vai de matón pola vida contra un empollón resentido e superrico. Se non fora porque é moi serio sería para rir.
Algúns deses "nerds", deses empollóns, que foron acosados na escola, que sufriron bullying, cando chegaron arriba de todo, á elite empresarial, en vez de ser bos líderes, de ser empáticos cos que menos teñen, fannos ver o seu desquite, pasando a ser abusóns coas técnicas dos matóns dos que lles facían a eles a vida imposible. Lémbrame á película "La revancha de los novatos"(1984) e que en inglés era "Revenge of the Nerds". Donald Trump o falabarato tarambaina e matón que non pense que con cortarlle os contratos a Musk ten todo ganado.
Musk pediu a destitución de Trump e desafiouno a recortar os fondos para as súas empresas.
Musk ten recursos case ilimitados para responder, incluso financiando aos insurxentes que desafían aos republicanos nas eleccións e primarias do próximo ano. Poida que non gañe unha pelexa contra todo o goberno de Trump, pero podería cobrar un alto prezo político, e persoal, para Trump e os republicanos. Na película, ao final ganan os "nerds". Mentres desde a vella Europa observamos coas gónadas apertadas, porque pase o que pase sempre seremos uns damnificados desa pelexa.