Estamos quedando sen pardais (gorrión, House Sparrow, moineau)

02 de xuño 2025
Actualizado: 8:21

En Galicia estamos sufrindo, de xeito acelerado, un declive da poboacións de pardais (gorrións). Perdeuse un millón de exemplares nos derradeiros dez anos

Mostrei aquí, nalgún artigo, a miña querenza pola observación de aves. Falamos, case sempre, de aves difíciles de ver ou, mesmo, rarezas que aparecen polas nosas latitudes de cando en vez e que veñen despistadas, arrastradas por fortes ventos ou por efecto do cambio climático. Todo isto fainos esquecer paxaros que están a carón de nós, que forman parte da vida das cidades, os paxaros do barrio. Sei que haberá algúns que estarán fartos das pombas e gaivotas patiamarelas cos seus ataques ás mesas nas terrazas dos bares, provocando sustos e danos na louza dos establecementos. Mais eu o quería é falar dos pardais, dos gorrións. Nomeadamente o Pardal común (Passer domesticus).

En Galicia estamos sufrindo, de xeito acelerado, un declive da poboacións de pardais (gorrións). Perdeuse un millón de exemplares nos derradeiros dez anos. Se non tomamos medidas para mudar esta tendencia imos atoparnos cidades sen pardais. No Jardin des Tuileries, en París, onde o seu piar era unha parte do xardín agora a súa presenza é escasa. Hoxe hai cidades como Londres, Hamburgo , Amberes ou Bruxelas onde é moi difícil velos, case se pode dicir que se extinguiron. A nós pasamos o mesmo, a poboación vai diminuíndo. Segundo a SEO/BirdLife (https://seo.org) no Estado Español entre os anos 2008 e 2018 os pardais sufriron un descenso do 21%, ou o que é o mesmo hai 30 millóns de pardais menos. Galicia non ía ser menos, nos mesmos anos e segundo un estudo da Sociedade Galega de Ornitoloxía (https://www.sgosgo.org) temos un millón de pardais menos.

Son moitas e diversas as causas deste declive. Unha das máis importantes é a destrución do seu hábitat, os edificios modernos apenas lles ofrecen posibilidades de facer os seus niños. En moitas cidades as zonas verdes diminúen. A contaminación urbana aumenta que no caso dos pardais, polo seu pequeno tamaño é moi daniño. O cambio climático tamén esta a favorecer a súa desaparición. Mais si algo vai mal aínda pode ir peor e agora tamén entra a colaborar a malaria aviar que se transmite polos mosquitos. A SEO/BirdLife, a traves da súa directora executiva, Asunción Ruiz, no “Día Mundial do pardal”, 20 de marzo, , afirmou: “La desaparición del gorrión no es solo una mala noticia para la biodiversidad, sino también una señal de alarma para nuestra calidad de vida. Necesitamos una naturaleza bien entendida en las ciudades y las aves, como los gorriones, son unos excelentes indicadores de si las ciudades cuentan con aire limpio, agua de calidad y un entorno saludable. Es el momento de recuperar espacios para la vida, asegurando que el Plan Nacional de Restauración y las políticas urbanas incluyan la biodiversidad como un pilar esencial.” Para rebaixar este declive, non só dos gorrións senón de todas as “aves de barrio” propoñen un documento con algunhas medidas necesarias. Titúlase “Manual 100 Medidas para La Conservación de la Biodiversidad en Entornos Urbanos”. Neste Manual ven un estudo que se fixo con nenos do concello de El Astillero (Cantabria). Baseábase en “coñecer para conservar” e fixeron unha enquisa con máis de medio cento de nenas e nenos dese concello para saber o grao de coñecemento de personaxes de debuxos animados e aves comúns da súa vila. O resultado é o seguinte:

Grao de coñecemento dos personaxes de debuxos animados e aves comúns
Grao de coñecemento dos personaxes de debuxos animados e aves comúnsSEO/BirdLife

Instantánea do Manual 100 Medidas para La Conservación de la Biodiversidad en Entornos Urbanos de SEO/BirdLife

Na Boa Vila tamén baixaron, e moito, as poboacións de pardais. Estou seguindo dous grupos e vexo como minguan. Un grupo abaixo da casa, quedan 20 cando o ano pasado eran 25 exemplares e outro na Rúa P. Fernando Olmedo que andan polos xardíns do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en 2023 era uns 50, agora non chegan aos 30. Debemos ensinarlle aos nenos a coñecer os nosos paxaros de barrio, temos moitos sitios para velos como a senda do Gafos, os xardíns da cidade, as xunqueiras e río da Gándara e a Illa do Covo. Facilitando a mellora do seu hábitat teremos unha cidade de mellor calidade.

Pardal común ©xpixel shutterstock
Pardal común ©xpixel shutterstock SEO/BirdLife